O papel das mulleres nas empresas: máis lideresas que poderosas

Publicidad

Responsables. Sensibles. Multitarea. Empáticas. Comunicativas. Estes son algúns dos trazos, que, segundo catro altas directivas que exercen o seu labor nos ámbitos do audiovisual, deporte, transporte marítimo e moda, caracterizan ás mulleres que ocupan postos de responsabilidade empresarial. Dora Casal, CEO de Roberto Verino; Emma Lustres, fundadora de Vaca Films Estudio; Eva Ortiz, managing director de Eimskip Logistics Spain e María José Herbón, CFO do Real Club Celta de Vigo, coincidiron ademais este mediodía na mesa redonda Experiencias en primeira persoa: Mulleres na alta dirección empresarial, organizada pola UVigo, a Fundación Banco Sabadell e a Fundación Mentor no paraninfo do edificio Ernestina Otero do campus de Vigo, noutra apreciación que caracteriza ás mulleres en postos de alta dirección, “que nós exercemos máis o liderado que o poder”.

Durante hora e media, Casal, Lustres, Ortiz e Herbón, moderadas por Carla Reyes, presidenta de Executivas de Galicia, compartiron a súas experiencias profesionais, pero tamén persoais, no mundo da alta dirección empresarial, reivindicando maior presenza das mulleres en postos de responsabilidade, ao tempo que recoñecían as capacidades dos homes nas tarefas directivas. As catro incidiron nas diferenzas entre mulleres e homes á hora de exercer a dirección empresarial, asegurando, por exemplo no caso de Enma Lustres que, “as mulleres somos máis brillantes en xeral. Formiguiñas, responsables, sensibles”, enumerou a fundadora de Vaca Films, que dixo rodearse de mulleres pola súa eficacia e implicación, ao tempo que rexeitou que o talento feminino quede relegado. Pola súa banda, Dora Casal recoñeceuse como “feminista convencida, pero desde o punto de vista da igualdade de oportunidades. Con igual capacitación non só por ser muller”. Mentres, Eva Ortíz e María José Herbón avogaron polos equipos mixtos, ao tempo que incidiron no punto diferenciador da xestión feminina. As catro directivas referíronse tamén a algunhas das características masculinas que consideran positivas cando son eles os que exercen á fronte de postos directivos, destacando a competitividade, así como que “son máis arriscados, prácticos e directos”.

Coa mesa redonda celebrada hoxe poñíase o punto e final ás actividades desenvolvidas este ano por iniciativa da UVigo, a Fundación Banco Sabadell e a Fundación Mentor e que, segundo o vicerreitor de Economía, José María Martín Moreno, “foron quen de consolidarse grazas ao nivel das e dos participantes”, abrindo unha ventá dixital para achegar a destacados poñentes á sociedade.

Liderado feminino nos sectores audiovisual e deportivo

Emma Lustres foi a primeira en relatar a súa experiencia á fronte de Vaca Films Estudio, nun sector, o audiovisual “de moito presente e moito futuro e un pasado que nos permitiu estar onde estamos”, dixo. Lustres recoñeceu non saber que era a produción, máis aló da imaxe que Hollywood trasladaba “de homes rodeados de mulleres guapas e wiskys”, razón pola que hoxe demandou maior información para o estudantado a fin de que coñeza a realidade desta e doutras profesións.

“No meu caso achaco á sorte estar aquí”, explicou a fundadora de Vaca Films, que tras cursar un mestrado de produción audiovisual comezou a traballar desde unha mesa nun piso compartido con quen ao principio era o seu compañeiro e anos despois se convertería no seu home. “Unha cousa fundamental cando montas unha empresa é establecer claramente obxectivos a medio e longo prazo. Nós queríamos ser unha produtora a nivel europeo con cintas competitivas, con discursos de fondo que acheguen algo á sociedade”, dixo Lustres, que amosou a súa satisfacción por contribuír a facer medrar o audiovisual galego en Galicia e fóra dela. A fundadora de Vaca Films, que asegurou que neste intre teñen un volume de traballo “brutal” , referiuse á “gran responsabilidade” que implica producir unha película cunha media de 8000 altas na Seguridade Social ou unha serie que se traduce en dous anos de traballo. “Gustaríame xubilarme pronto porque que este é un negocio moi absorbente. Cando es unha alta executiva con empresa propia isto é como un gas, ocupa todo”, asegurou Enma Lustres.

Pola súa banda, a CFO do Real Club Celta, María José Herbón recoñeceu que a elevada presenza masculina no sector do fútbol tradúcese en competitividade e agresividade, o que “nos obriga a seguir unha marcha de traballo moi esixente”. Fronte a este modus operandi Herbón destacou as que considera achegas das mulleres á alta dirección empresarial “somos máis cerebrais, claras, directas e iso facilita desenvolver de xeito máis produtivo o traballo”. A directiva do Real Club Celta tamén puxo en valor na súa intervención a importancia da formación, que considera debe ser constante e ao longo de toda a vida.

Alta dirección empresarial feminina na moda e na loxística

Empresaria e informática de formación na UVigo, Dora Casal, exerceu a súa actividade profesional en diferentes departamentos de Roberto Verino, antes de se converter na súa CEO. “O que máis me ensinou foi coñecer a empresa desde abaixo e saltar de departamento”, dixo Casal, que recoñeceu que do sector da moda unicamente tiña unha visión frívola: a que lle chegaba a través dos desfiles ou das prendas, cando a realidade é que representa o 8% do emprego en España. “As cotas na dirección teñen nesgos cara o lado masculino”, lamentou a directiva de Roberto Verino, que lembrou que nas empresas do téxtil “o 85% somos mulleres pero en dirección somos o 20%. Debemos formamos e desde dentro dar o paso para subir, porque seguimos arrastrando o que implica ser muller: familia, fillos, etc”, sinalou Casal.

Nada en Asturias e criada en Galicia, Eva Ortiz, avogada de formación, comezou a súa traxectoria profesional nunha consignataria de buques en Vigo, para logo ser fichada por una navieira islandesa, Eimskip Logistics, da que agora é mananging director en España. “Na nosa empresa en España curiosamente somos maioritariamente mulleres. Agora o 80%, pero chegamos a ser o 100%, coa única presenza masculina da persoa encargada da limpeza e un bolseiro”, explicou Ortiz, que se referiu ao da loxística como un sector bastante descoñecido ata hai moi pouco. ”Logo do volcán da Palma agora nos informativos miramos unha terminal de contedores. Que pasa co tráfico mundial? Somos moi dependentes do que vén de fóra, sobre todo de Asia e a pandemia e a reestruturación do tráfico marítimo formula situación difíciles de xestionar”, explicou a directiva, para quen o máis complicado agora é xestionar. “Cremos que para 2022 seguirá sendo difícil e ata finais dese ano teremos problemas e isto implica incremento de custos, fletes e isto encarece cousas”, dixo Ortiz, que considera que “as mulleres xestionamos moi ben a loxística, pero falta que as mulleres cheguen a postos directivos”, sinalou.

Salir de la versión móvil