O Concello de Salceda de Caselas ven de aprobar por unanimidade da corporación municipal o segundo Plan Municipal para a Igualdade Efectiva de Mulleres e Homes. A redacción do Plan correu a cargo de Laura Seara, quen foi directora do Instituto da Muller e Secretaria de Estado de Igualdade, ademáis de deputada do Parlamento Galego durante os anos de 2001 a 2009, polo que se parte con un amplo coñecemento sobre a materia que sen dúbida é garante dos mellores resultados.
O Plan repártese en dous grandes apartados: por una banda recóllense medidas para aplicar nos diferentes ámbitos da sociedade salcedense (ensino, urbanismo, cultura, deporte, emprego, etc), e por outra banda recóllense medidas para aplicar no propio Concello, e que farán referencia tanto á plantilla municipal e á propia corporación municipal, como ao traballo que se realice dende a administración local. Esta é a principal novidade do Plan, xa que Salceda convértese nun dos poucos concellos galegos, xunto con Coruña e Betanzos, que realizan a diagnose e propostas de actuación internas, aplicadas á propia organización municipal.
Así, para a elaboración, realizouse unha diagnose certeira sobre a situación das mulleres do Concello que permitirá, a través de diversas ferramentas participativas, acertar con ditas propostas de actuación. O plan realizouse coas aportacións de representantes do tecido asociativo e educativo do Concello, así como das diferentes forzas políticas con representación no Concello.
Seguindo o principio de participación, unha das medidas principais do Plan é a creación do Consello Municipal das Mulleres, con intención de que sexa un referente da participación local e un referente participativo de Galicia en materia de igualdade municipal. O Consello tomará decisións en materia de igualdade, velará polo asociacionismo de mulleres, elevará propostas e iniciativas ao Concello e outras administracións, garantirá a paridade, coelaborará informes e estará composto pola sociedade civil, a través de asociacións e persoas expertas, e polas persoas con responsabilidade política e técnica da administración local. Actuará como interlocutor ante o Concello e ante calquera institución para o desenvolvemento das políticas de igualdade e contra a violencia de xénero.
O equipo de goberno de Salceda de Caselas sinala que é consciente dos avances experimentados nas últimas décadas ao mesmo tempo que percibe inmensos obstáculos que aínda hoxe persisten e que impiden a participación e o acceso das mulleres á vida económica, social, laboral, cultural, educativa e política.
Co pulo a este segundo Plan Municipal de Igualdade o equipo de goberno de Salceda fai público o seu compromiso político para erradicar todas as formas de discriminación e violencia co fin de acadar unha sociedade igualitaria, na que mulleres e homes desfruten das mesmas oportunidades para desenvolver as súas vidas.
Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda e responsable da área de Igualdade, definiu o traballo como un documento flexible que orientará as políticas municipais nos vindeiros anos cunha implantación que será responsabilidade principal do Concello, sabendo que o seu éxito dependerá en gran medida da implicación dos axentes sociais e económicos da vila, das súas organizacións e asociacións e, por suposto, de toda a cidadanía, nomeadamente as mulleres. Precisamente a alcaldesa quixo realizar un agradecemento especial ás diferentes asociación e entidades que colaboraron na realización do plan. Lembrou ademáis que o plan deberá estar presente en toda a acción de goberno, resultando un documento transversal de aplicación nas diferentes áreas.