A Concelleira de Igualdade e Tenenta de Alcaldía, Loli Castiñeira, vén de presentar a programación que dende o Concello se pon en marcha para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, nunha nova mostra da aposta firme que se está a facer pola defensa dos dereitos das mulleres.
Os actos comezaron este luns 7 coa apertura da exposición das 14 fotografías do concurso “Salceda contra a violencia de xénero” que se celebrou no mes de novembro, do cal resultou ganadora a imaxe “Berrarlle na cara ó medo” de Nuria Pampín, e que se poderá visitar ata final de mes na sala polivalente da Casa da Cultura Castelao, na Praza do Concello.
Este martes terá lugar a concentración diante do Concello ás 12:30 horas, na que se leerá un manifesto, e na que participará alumnado do CEP Altamira e do IES Pedras Rubias. Ademais durante toda a semana a fachada do Concello permanecerá iluminada en cor morada para conmemorar a data.
Para completar os actros, nos vindeiros días presentarase no IES Pedras Rubias o libro “Galegas na ciencia” de Isabel Blanco, libro do cal o Concello de Salceda é unha das entidades colaboradoras, que recolle as biografías de vinte galegas que abriron as portas da ciencia vencendo obstáculos e, en ocasións, burlas e desprezos, e deron paso a milleiros de mulleres.
Con todos estes actos Loli Castiñeira, Concelleira de Igualdade quere visibilizar unha vez máis a loita firme do Concello de Salceda por acadar a igualdade real entre homes e mulleres: “Agardamos que chegue o día en que este tipo de actos reivindicativos non sexan precisos porque se teñan alcanzado os obxectivos de igualdade real, mais polo de agora faise máis necesario que nunca berrar ben forte a prol da defensa dos dereitos das mulleres, en Salceda, en Galicia, e no mundo enteiro. Por nós non vai quedar”.