A posta en marcha dun observatorio de machismo dixital Stop Machitroles, e dun laboratorio de ideas son as principais novidades que a Cátedra de Feminismos 4.0 impulsará cando acada os tres primeiros anos de existencia. O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentaron hoxe na sede do organismo provincial en Vigo as novas accións que a cátedra desenvolverá, así como as actividades máis salientables desenvolvidas durante os últimos meses, como axudas á investigación, premios e workshops.
O Observatorio de machismo dixital permitirá analizar os distintos tipos de violencias machistas en Internet e nas redes sociais, a partir das denuncias anónimas de agresións, acosos, vexacións, ataques á dignidade das mulleres e calquera tipo de comportamento misóxino e machista e/ou sexista. Coas incidencias recollidas realizarase un informe que amosará cal é a frecuencia, intensidade ou tipoloxía das formas na que se presenta a violencia contra as mulleres, machismo e misoxinia na contorna dixital. Pola súa banda, o Laboratorio de ideas crearase no marco do Comité de Sabias da Cátedra e ao seu abeiro, as especialistas que integran o comité desenvolverán propostas, a través dunha perspectiva de xénero e outras actividades para propiciar espazos de reflexión común que converxan nun produto científico, coa finalidade de convidar á reflexión á sociedade sobre o retos que cómpre enfrontar para eliminar barreiras e resistencias sociais, permitindo que as mulleres se apropien, accedan e actúen no mundo dixital con igualdade, incorporándose a este medio contidos elaborados con perspectiva de xénero.
Na súa comparecencia deste mediodía ante os medios, o reitor da UVigo agradeceu o apoio da Deputación á cátedra e alertou de que o machismo segue presente na sociedade, “polo que debemos ser especialmente coidadosos coa mocidade para que a mensaxe da igualdade sexa partillada por todos”. Reigosa referiuse ás redes como un lugar que se contrapón a outros nos que nos últimos anos se avanzou moito en materia de igualdade, “creo que nas redes o machismo está campando as súas anchas”, asegurou o reitor,para incidir a continuación na importancia do traballo da cátedra. Pola súa banda, a presidenta da Deputación gabou a iniciativa de crear a cátedra, asegurando que foi “unha extraordinaria idea, porque faltaba unha cátedra que se dedicase a analizar o mundo dixital e como afecta ás mulleres”, dixo Silva, que felicitou á directora da Unidade de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, “alma mater desta iniciativa”, dixo.
Novidades e accións que continuarán este ano
Logo do éxito acadado en anos anteriores, a presidenta de Deputación de Pontevedra confirmou a continuidade das axudas á investigación, ás que se destinarán 30.000 euros, dos que cada persoa beneficiara poderá xestionar un máximo de 6000. Así mesmo, volverán a convocarse os Premios GirlGeekCovid, co obxectivo de promocionar e fomentar os estudos STEM entre as alumnas da UVigo, que poden recibir un galardón de 2000 euros e un accésit de 1000 nos ámbitos científico e tecnolóxico. Por outra banda, no mes de outubro celebrarase unha nova edición workshop Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado, no que expertas en diferente materias ofrecerán relatorios, en formato presencial ou virtual, dependendo da evolución da pandemia. En paralelo, a cátedra continuará utilizando as súas canles de comunicación para facer visible a presenza das mulleres nos eidos científico e tecnolóxico e denunciar situacións de discriminación e desigualdade.
Sobre a creación do Observatorio de machismo dixital Stop Machitroles, Silva asegurou que “hai que ser provocadoras, porque só provocando podemos cambiar as cousas”. A presidenta da Deputación, que afirmou ademais que se vai ter unha mirada rigorosa e científica do que ocorre nas redes, para así hackear e frear o machismo e os ataques ás mulleres, rematou a súa intervención asegurando que con esta cátedra a UVigo se converteu nun referente. “A Universidade de Vigo é unha universidade feminista, que é un título tan importante como outros que ten”, dixo Silva.
Posta en valor das actividades desenvolvidas
Entre as accións que a cátedra levou a cabo nos últimos meses, o reitor da UVigo destacou as seis investigacións que acadaron financiamento en 2020 e que abordaron cuestións como a misoxinia nas redes ou a percepción de estudantes ante as carreiras técnicas . “Si algo é importante é que a mensaxe de igualdade se poida sustentar en estudos que sexan rigorosos e científicos”, dixo Reigosa para referirse ao traballo de investigación que promove a cátedra.
En canto aos premios GirlGeekCovid, Reigosa lembrou que galardoaron o talento de catro estudantes da UVigo con destacadas traxectorias nos ámbitos científico e da enxeñaría, que puxeron de manifesto o potencial feminino nas carreiras técnicas. Pola súa banda, en relación coa segunda edición workshop Sociedade dixital e xénero: Hackeando o patriarcado, que contou con destacadas poñentes, e no que achegaron as súas experiencias, coñecemento e inspiración destacadas especialistas, o reitor da UVigo destacou que mestura “o estudo profundo e comunicación da mensaxe do futuro”.
Logo de referirse á creación do Comité de Sabias como “unha iniciativa fantástica que dará moito resultado ao longo do tempo”, Manuel Reigosa tamén aludiu ás accións que se desenvolven a través da web da cátedra, nomeadamente ao boletín de novidades sobre mulleres e STEM, destacando que a UVigo sempre fai fincapé “en que as carreiras STEM non son para mulleres, nin para homes. Nós como universidade precisamos que a metade do talento non deixe fóra das súas inquedanzas estas carreiras”, sinalou o reitor.