A xornalista Cristina García (O Grove) foi a galardoada co 'II Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético’ no tratamento da Violencia Machista' convocado polo Concello de Redondela e co que se quere recoñecer publicamente a ética á hora de tratar informacións tan sensibles como as relacionadas coa violencia machista, fuxindo de sensacionalismos e coidando a intimidade das vítimas e as persoas sobreviventes máis vulnerables.
Cristina García López recibirá o galardón polo capítulo ‘Mentres dormes’, do seu podcast ‘Superando a ficción’, que afonda nas violacións por submisión química. A través da historia persoal da directora británica Michaela Coel, García López explica os antecedentes deste tipo de violencia, da que comezamos a escoitar falar hai relativamente pouco tempo.
A gala de entrega do premio está aberta o público e terá lugar no auditorio do multiúsos da Xunqueira de Redondela este vindeiro venres, 25 de novembro, ás 20:00 horas nun acto presentado pola actriz Arantxa Treus e que contará intervención da escritora Eva Mejuto e a actuación musical de Su Garrido Pombo. “Esta iniciativa é a nosa aportación no día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.
Ademáis contará coa lectura poética de Nuria Vil “As túas uñas gastadas: diálogo poético”, unha lectura na que se pon en diálogo a poesía de Sesé coa doutras autoras que coinciden no tempo e que centran o punto de conexión cos poemas que se inclúen no libro póstumo de Sesé Mateo ‘No camiño do vento’.
A resposta á convocatoria desta segunda edición do Premio Sesé Mateo de Ética Xornalística, foi cualificada pola alcaldesa como “todo un éxito” presentándose un total de 15 traballos xornalísticos chegados de todas partes de España. Da boa acollida deste premio “que nace con vocación de continuidade”, afirma a rexidora “fala o feito de que este ano aumentou o número de particiación e a diversidade de orixe dos traballos presentados que abranguen os tres medios de prensa: escrita, radio e televisión”.
Tamén quixo salientar “a dificultade que tivo o xurado” á hora de puntuar os traballos xa que todos eles “trataban a violencia machista fuxindo de matices sensacionalistas que, por desgraza, son buscados por algúns medios co único afán de incrementar os índices de audiencia o número de lectores”.O xurado estivo composto por Alfredo Estévez, xornalista e membro durante moitos anos do xornal dixital 'Comarcas na Rede’; Patricia Costa, xornalista de Radio Nacional de España (RNE) e gañadora do 'I Premio Sesé Mateo'; Eva Mejuto, escritora literaria e xornalista; e Paula Montes, xornalista de Radio Vigo.
Redondela, lembrou a alcaldesa Digna Rivas, “está sendo nos últimos anos un referente en igualdade e na loita contra a violencia machista, a continuidade destes premios en memoria a Sesé Mateo, son outro paso máis na loita diaria para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres”.
“Quero agradecer o traballo de Joshua Mateo, pilar importante para a creación, producción e continuidade destes premios”, conclúe Rivas.
SESÉ MATEO
Sesé Mateo (Chapela, Redondela 1965-2017) foi unha muller feminista e militante na defensa das liberdades básicas para os seres humanos, de calquera raza e condición. Foi asasinada en 2017 pola súa exparella.
A loita do Grupo de Apoio á Familia Mateo (colectivo creado polas súas amizades que organizou actividades para a recadación de fondos para a rehabilitación da súa vivenda) e, posteriormente, doutro grupo de mulleres activistas culturais que colaboraron co seu fillo, Joshua Alonso Mateo, na edición do libro póstumo dos seus poemas No camiño do vento, fixo que este crime machista non fose un mero número máis, se non que movese algúns marcos sociais inxustos e indecentes. O seu proxecto No camiño do vento xerou fondos económicos que foron integramente doados ao Fondo de Becas para as orfas e orfos de violencia machista da Fundación Mujeres. Coa creación deste premio queremos seguir abrindo camiños no ámbito dos medios de comunicación. Entendemos que estas noticias deben formar parte da axenda mediática, pero deben lograr un tratamento correcto da violencia de xénero e vicaria para que a difusión de valores contra a violencia sexan clave na prevención a través da sensibilización.
A figura de Sesé Mateo inspira esta convocatoria por ser o seu caso un dos máis mediáticos de Galicia. Así consta no estudo asinado pola xornalista Belén Puñal Rama que aparece ao final do libro No camiño do vento. Queda moito por mellorar aínda no ámbito do xornalismo con respecto ao tratamento da violencia en xeral e da violencia contra as mulleres e as súas crianzas en particular.