Noticias falsas e desinformación sobre cuestións de xénero, acoso ás mulleres nas redes sociais, ameazas ás feministas, algoritmos machistas nas plataformas web ou empregos tecnolóxicos masculinizados. Todas estas realidades conforman un "patriarcado dixital" que vén a unirse ás tradicionais desigualdades de xénero que as mulleres levan sufrindo historicamente. Estes novos comportamentos sexistas e discriminatorios relacionados coas novas tecnoloxías centraron a segunda edición do workshop Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado organizado no marco da Cátedra de Feminismos 4.0 Depo-UVigo en formato virtual.
Ao longo da xornada deste xoves, mulleres expertas en economía dixital, TIC e contorna virtual crearon un espazo de reflexión colectiva arredor do denominado “patriarcado dixital”. O acto de apertura comezou coa condena conxunta polo asasinato machista dunha veciña de Gondomar onte mércores. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, amosaban o seu “rexeitamento e indignación” e lembraba que son 42 as mulleres asasinadas no que vai de ano e 1075 dende que hai rexistros. O reitor da Universidade, pola súa banda, denunciou que unha sociedade que “non é quen de protexer á metade da súa poboación é unha sociedade enferma”.
O 60% de nenas e adolescentes sofren acoso en liña
Carmela Silva, xunto con Manuel Reigosa, como representantes das entidades impulsoras da Cátedra de Feminismos 4.0, foron os encargados de inaugurar a xornada e alertaron de que queda moito por facer para acadar unha igualdade real. Silva alertaba sobre as “novas formas de exercer violencia sobre a mulleres” que aparecen no mundo dixital e referiuse a un estudo da ONG Plan Internacional que sostén que o 60% de nenas e adolescentes sofren acoso en liña. Delas, o 25% delas sinte que está en perigo físico como resultado dese acoso; o 42% manifesta ter perdido a confianza a raíz do acoso e unha de cada dúas sinte que o acoso en internet é mais forte que o que sofren na rúa.
Estas formas de violencia inclúen a recepción de mensaxes explícitas, imaxes de contido sexual, ameazas de violencia física e sexual, comentarios racistas e anti LGTBI, humillacións e burlas e ataques polo aspecto físico. Antes estes datos, a presidenta da Deputación preguntábase “por que non hai medidas explícitas para protexer ás mulleres destes ataques nas redes? Como podemos combatelos? Como podemos visibilizar os traballos da mulleres? Como podemos organizarnos en rede?” Moitas desta preguntas analízanse nesta xornada con mesas redondas, relatorios e talleres, cuxa organización Silva quixo agradecer á Universidade de Vigo, que “leva o compromiso coa igualdade no seu ADN”.
O reitor da UVigo, Manuel Reigosa, recoñecía que “temos certa igualdade formal, pero a real está moi lonxe, incluso en institucións públicas e universitarias”. Neste sentido referiuse ao estudo publicado pola UVigo sobre o impacto da pandemia na I+D+i que demostra que mentres os homes incrementaron a súa produción científica con respecto ao mesmo período do ano anterior, a das mulleres decreceu. “Isto significa que os homes aproveitamos para o noso beneficio en termos curriculares e de promoción profesional” a situación de confinamento, remarcada Reigosa, o que demostra a persistencia da fenda de coidados que fai que sobre as mulleres recaia o labor de coidado “dos nenos, os maiores ou as persoas enfermas”. Quixo tamén o reitor recoñecer o traballo realizado polos investigadores e investigadoras que traballan no eido da igualdade e o feminismo lembrando que os “estudos de xénero non son estudos menores” e animou a “non afrouxar, erguer a bandeira ben alta e aproveitar a vaga de cor violeta para seguir loitando pola igualdade”.
“O sistema patriarcal está hackeando ás mulleres”
A xornada abriuse coa intervención da xornalista Montserrat Boix sobre sexismo e desinformación nos novos escenarios dixitais. Boix traballa dende 1986 nos servizos informativos de TVE, na sección Internacional, ademais de dar clase en mestrados universitarios en igualdade, tecnoloxías, comunicación e desenvolvemento con perspectiva de xénero. En 1996 creou Mujeres en Red, xornal dixital feminista e ten sido recoñecida con diversos premios polo seu traballo a favor dun xornalismo máis igualitario.
Boix comezou deixando un titular moi claro: “non estamos hackeando o patriarcado, en realidade o sistema patriarcal está hackeando ás muller e ao feminismo porque baixamos a garda”. Segundo a xornalista “non somos capaces de protexernos e unha das nosas vulnerabilidades son as emocións e os sentimentos, porque tiramos de vivencias individuais e isto fai que perdamos a perspectiva do colectivo que tiñamos hai 15 ou 20 anos”. Dende o seu punto de vista, o feminismo cría que as novas tecnoloxías podían axudar a que se escoitase a voz das mulleres pero, lonxe diso, o que se produciu foi unha “democratización da desinformación”.
Outra das vulnerabilidades ás que se referiu é o feito de que as mulleres son tratadas “como consumidoras, non como usuarias, perdemos a tensión de analizar como estamos consumindo as tecnoloxías, utilizamos moitas plataformas que funcionan en contra nosa e son hostís para as mulleres en xeral, e para as feministas en especial”. Neste sentido remarcaba o perigo que supón non verificar a información e analizou os perigos da desinformación, das noticias falsas e da manipulación das redes, poñendo a Trump como exemplo, “porque existen un antes e un despois da campaña electoral de 2016 en EEUU”. Trasladado a España, referiuse ás campañas que levan anos tratando de desautorizar ás mulleres feministas e ás políticas de igualdade, como as que sosteñen a existen de multitude de denuncias falsas por violencia de xénero, cando segundo o Consejo General do Poder Judicial só representan o 0,1%.
A