Versos de Rosalía de Castro para loitar contra o machismo

Publicidad

A loita dos dereitos da muller ocupa este 8 de marzo todas as esferas da sociedade, tamén o mundo da música. O grupo Son Trío, composto por Su Garrido, Susanna Blanco e Katerina Linke, quixo celebrar esta xornada coas verbas de Rosalía de Castro.

O conxunto musical compartiu nas súas redes sociais un vídeo no que mestura os versos “Non cantes, non chores”, de Rosalía de Castro, coas imaxes da multitudinaria manifestación do 8M de 2018, gravadas e cedidas por Metropolitano.gal

Con esta iniciativa, Son Trío quixo recordar o “emocionante” que foi “sentir toda a forza e enerxía das compañeiras” o pasado ano, nunha cita que fixo historia supoñendo un punto de inflexión na loita feminista.

O tema inclúese no proxecto musical “Miña almiña” que homenaxea a Rosalía de Castro. Nel, o grupo interpreta dez cancións con letras do poemario de “Follas novas”.

A doce e expresiva voz de Su Garrido Pombo, o rico e próximo timbre do cello de Susanna Blanco e as románticas e sensíbeis composicións de Katerina Linke ao piano conducen ao público nunha viaxe emotiva e conmovedora que este 8M adquire un ton reivindicativo e de loita.

Salir de la versión móvil