CARTA AO SR. ABEL CABALLERO, ALCALDE DE VIGO E PRESIDENTE DA FEMP
O pasado día 12 de maio celebrouse nas rúas de Vigo unha multitudinaria manifestación convocada por SOS SANIDADE en defensa da SANIDADE PUBLICA.
No seu percorrido cantáronse varias consignas pero a máis repetida foi, sen dúbida, «O PÚBLICO É SERVIZO, O PRIVADO, BENEFICIO».
Chamoume poderosamente a atención que, xusto detrás da pancarta principal, podía distinguirse a presenza do alcalde de Vigo, o señor Abel Ramón Caballero, xunta algúns deputados autonómicos e un número importante de concelleiros do seu grupo municipal de goberno, que secundaron a manifestación ao longo de todo o seu traxecto, moi oufanos todos eles. Case todos os membros desta insigne comitiva política, menos o señor alcalde, aclamaban e aplaudían entusiasticamente, en determinados momentos, a anterior consigna, ao mesmo ritmo que o facían o resto de manifestantes.
Xurdíronme entón varias dúbidas, vendo aquel pintoresco escenario: non será, acaso, que no Concello de Vigo a realidade é xustamente a contraria á consigna cacarexada, isto é, onde o privado «é servizo» e o público un «beneficio»?; será que, dependendo de quen goberne en cada Administración, se defende con desvergonza unha cousa ou a contraria, segundo lle conveña ao político do momento?; ata onde e ata cando pode soportar unha sociedade un nivel tan alto de hipocrisía na política?
Si, señor alcalde. Vénme á mente, xustamente, a situación da Administración municipal que vostede dirixe e representa. Porque ten vostede uns SERVIZOS PÚBLICOS DESMANTELADOS ou, cando menos, en camiño de estalo. E doulle varios exemplos: as oficinas de Benestar Social, pechadas a pedra e cal; centos de solicitudes da cidadanía sen resolver por falta de empregados públicos que atendan o seu despacho; servizos exteriores que non se poden atender por falta de persoal; ofertas de emprego público que se tramitan con varios anos de atraso; prazas vacantes que quedan sen cubrir, unha vez executadas aquelas ofertas de emprego, nin sequera con persoal interino…
E, curiosamente, son os chamados «servizos municipais exteriores» (é dicir, os que non fan parte da engrenaxe da Administración xeral e son susceptibles de privatización) os que máis sofren este proceso de desmantelamento.
Situación caótica que, por se fose pouco, repercute gravemente no propio persoal municipal, a quen, en non poucas ocasións, se lle denegou o gozo das súas vacacións, permisos e licenzas regulamentarias, cando non se lle incrementou indebidamente a súa xornada laboral (lembre, como simple botón de mostra, as ocorrentes e ilegais decisións que, nesa materia, adoptaron os seus concelleiros delegados no servizo de extinción de incendios). E da tan aclamada, polo seu goberno socialista, «conciliación da vida laboral e familiar» nalgúns servizos, mellor nin mencionala.
Vostede e, sobre todo, os seus propios concelleiros delegados de área (que son os que, a porta pechada e coa boca pequena, máis se queixan da situación) saben e cónstalles que o seu goberno é incapaz de cubrir, nin sequera, as baixas laborais por enfermidade ou por vacacións dos empregados e empregadas do cadro de persoal. Por non cubrir, nin sequera se cobren as baixas por maternidade ou as de longa duración.
Esta caótica e errática situación dos servizos públicos é o cóctel perfecto, a escusa cordial, que veñen sostendo algúns políticos para permitir, entre bambolinas, que o sector privado finque o dente no público: «Os servizos públicos non funcionan nin son rendibles».
E vostede non é alleo a esta triste realidade. Porque sabe e cónstalle que, deixando caer o público, garante a vía de entrada ás PRIVATIZACIÓNS (ou «externalizacións», como agora lles gusta a vostedes, eufemisticamente, chamarlles, adaptando de xeito hipócrita a súa linguaxe ás apetencias do «politicamente correcto»). E, neste escenario, poderíanos explicar entón para quen é o beneficio?
Señor alcalde, non dou entendido como teñen vostedes o descaro de acompañar unha manifestación, cacarexando moi alegres (de cara á galería) slogans «en favor do público», cando o certo é que na Administración pública que vostede dirixe se está perseguindo, exactamente, o obxectivo contrario.
Señor alcalde, cando lea ou lle conten este escrito, supoño que a escusa perfecta será a que sempre ofreceu nos últimos anos: que se «a lei Montoro», que se «as taxas de reposición de efectivos impostas polo Goberno de España», que si «Bruxelas nos obriga»…
Escusas que, a día de hoxe, xa non traga ninguén, señor alcalde. Porque podendo ser certas algunhas delas, o Goberno de esquerdas leva xa varios anos —e uns cantos máis presidindo vostede a FEMP— gobernando o país. E que se fixo durante todo este tempo desde a institución federativa que vostede preside, a FEMP, para propiciar novas políticas en defensa do público? Dígollo eu: NADA. Polo menos, nada efectivo. Aínda me retumban na memoria aquelas palabras súas, sendo presidente da FEMP, hai un par anos, cando viña dicir que «os Concellos necesitan persoal, persoal de ALTO STANDING» E é que aquela matización foi moi importante, non fora ser que crésemos que o que vostede estaba pedindo aos fados do destino era outra cosa.
Señor Caballero, remato esta carta con outra pregunta —temo que igual de retórica ca as anteriores—: para cando a defensa dos servizos públicos que reclama a sociedade no seu concello?
Señor alcalde, coloque a súa cidade no mapa á altura que merece, isto é, por ser unha cidade coa xente orgullosa de pertencer a ela, e non só polo bonita, accesible, festeira ou iluminada que sexa. Que iso está moi ben, claro que si, pero converta Vigo nun referente de servizos públicos de calidade e demostre que se preocupa realmente polos seus cidadáns e cidadás e non só polo rédito electoral que espera alcanzar deles con políticas populistas.
*Enrique Alonso Rodríguez, secretario da Sección Sindical de CCOO do Concello de Vigo