Carta ao director | "Somos carne de canón e padecemos abusos ante a impunidade das empresas"

Cumprida xa unha semana do asasinato da compañeira do SAF do Porriño, Teresa de Jesús e aínda estamos en shock moitas das que compartimos labor profesional con ela. Son moitas as palabras de ánimo recibidas polo acontecido, pero moi poucas as accións dos organismos competentes para evitar que este lamentable feito poida repetirse, e que o asasinato a sangue frío dunha traballadora do SAF mentres realizaba o seu traballo de axuda a unha persoa dependente nos seus labores diarios.

Esta desgraza é o desenlace do que moitas hai tempo vimos avisando e advertindo que podía acontecer, moitas das que diariamente nos enfundamos os nosos uniformes de traballo e deixamos a nosa vida e problemas nos nosos coches ou mochilas e afrontamos o noso traballo con ilusión, forzas e ganas de mellorar a vida de aquelas persoas a quen temos que axudar co noso gratificante labor no humano, pero tan denostado, esquecido e castigado no laboral.

Son moitas as persoas usuarias co seu agarimo e sorriso nolo agradecen, ao igual que moitas familias que nolo poñen mais fácil e nos dan o seu recoñecemento para facernos sentir unha mais das súas familias; mais lamentablemente tamén nos atopamos soas en situacións moi difíciles nas que a nosa integridade física e psicolóxica se atopa nas mans de moito ser desagradecido que se cre con dereitos sobre nós, sobre o noso labor e pretende escusarse nel para abusar de nós coa total impunidade que iso lles supón, xa que a maioría das vítimas, o único que reciben das súas empresas -que deben velar pola integridade física e anímica das persoas traballadoras- é a resposta típica: renuncia ao servizo, tenta aguantar mentres non atopamos quen te cubra… Esa é a escusa máis empregada, a solución a que máis se recorre, cambiar a cara e nome das auxiliares pero non atallar o problema de raíz que é a falta de respecto e humanidade do agresor, quen abusa da nosa soidade e profesionalidade do servicio para abusar física, psicolóxica ou laboralmente.

O diñeiro que pagan polos nosos “servizos” é o primordial, somos carne de canón e padecemos abusos ante a impunidade das empresas concesionarias que ademais, pasando por encima da ética e dos nosos dereitos e sen pizca de humanidade, moitas veces silencian os graves problemas que os SAF e as súas auxiliares sufrimos para quedar ben diante dos Concellos pertinentes e das súas asistentes sociais con tal de seguir enchendo os seus petos e consolidando “o seu boa labor e satisfacción dos familiares” sexa o custe que sexa e pasando por riba do benestar e seguridade incluso das persoas que realmente poñen a cara e o corpo para realizar o servizo in situ e pisando e burlándose dos seus dereitos e da humanidade e recoñecemento que polo simple feito de facilitar a vida dos mais necesitados mereceriamos.

Á Xunta, concellos e demais organismos lles pediría como auxiliar, como profesional sanitaria dun servizo esencial como é o SAF que se deixen de brindis ao sol, de palabrerío barato e que en vez de secundar ou convocar minutos de silencio os eviten, ao igual que os abusos, ben sexan físicos ou psicolóxicos.

As agresións verbais, físicas e o maltrato psicolóxico son tamén preocupantes e deberían ser motivo de protestas, concentracións e accións inmediatas como retiradas de servizos ou castigo para os abusadores das compañeiras.

Enchen a boca dicindo que a solución sería ir a comisarías e denunciar … en serio? A unha traballadora a quen lle pegan, insultan, maltratan psicoloxicamente co menosprezo ao seu traballo e á súa capacidade profesional lle piden saque forzas para ir a unha comisaría cando xa nos esforzamos en tentar contarllo a quen debería defendernos nas empresas e non só non o fan senón que insinúan que a culpa é nosa e nos piden que aguantemos ou cando non botan man do recurso máis empregado que é dubidar da nosa capacidade profesional.

Moitas das compañeiras ademais do vocacional empregan o seu posto de traballo como sustento principal dos seus fogares e das súas familias e teñen medo a perdelo e por iso aguantan as chantaxes crueis das empresas que ofrecen servizos nos SAF e que maiormente xogan con ese medo e carecen de sensibilidade e escrúpulos e só lles importa unha cousa, o poder e o diñeiro.

As autoridades se realmente queren cambiar as cousas, insten a reunións para actualizar e renovar o noso anticuado en todos os aspectos convenio e doten os servicios do SAF de protocolos e fórmulas que garantan o noso labor e lle dean a seguridade que nos faga estar protexidas ante os perigos que sufrimos nos domicilios e con persoas conflitivas.

DE NADA SERVE SUSPENDER E CANCELAR SERVIZOS SE DESPOIS DUN TEMPO SE TENTAN REANUDAR SEN AS AVALIACIÓNS PERTINENTES.

A VÓS COMPAÑEIRAS, PENSADE QUE CALQUERA DE NÓS PODE SER TERESA. SE AS COUSAS NON CAMBIAN, CALQUERA DE NÓS PODEMOS DEIXAR A NOSA VIDA NALGUNHA CASA E NAS MANS DE ALGÚN USUARIO OU FAMILIAR QUE SE CREA CON DEREITO A DECIDILO EXCUSÁNDOSE DESPOIS NUNHA MALA SITUACIÓN PSICOLÓXICA.

NON CONSINTAMOS O MÍNIMO ABUSO NEN FÍSICO, NEN LABORAL, NEN PSICOLÓXICO E POÑÁMOLO EN COÑECEMENTO DOS ENLACES SINDICAIS E POSTERIORMENTE DA EMPRESA E CONCELLOS SE ASÍ FOSE PRECISO. SÓ EN NÓS ESTÁ PODER FACELO. SENÓN POR NÓS, FAGÁMOLO POLA NOSA XENTE, COMPAÑEIRAS, E PORQUE O CRUEL ASASINATO DE TERESA NON SE REPITA E NON FOSE MOTIVO PARA CAMBIAR E MELLORAR AS COUSAS QUE SERÍA A NOSA MELLOR HOMENAXE.

XUNTAS SI PODEMOS.

Patricia Pampillón, auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar. 

Salir de la versión móvil