A Asociación baixomiñota “1 Máis”, formada por pais, nais e familiares de persoas con autismo, celebrará diferentes actos en Tui e Tomiño co gallo do Día Mundial de Concienciación deste trastorno.
Deste xeito, as actividades incluirán un stand informativo con folletos e materiais que dean conta da realidade do autismo así como proxeccións de cinema, obradoiros para os cativos e até unha solta de globos. O obxectivo da asociación con esta semana de actividades non é outro que o de concienciar e visibilizar este trastorno.
O programa de actividades comezará co acendido especial do alumeado nocturno na Área Panorámica e no Concello de Tomiño. A seguinte xornada, o Día Mundial de Concienciación do Autismo, contará con actos en Tui e Tomiño. No primeiro, a cita será ás 12:00 horas coa solta de globos azuis e a lectura do manifesto na Corredoira. En Tomiño, o evento desenvolverase ás 19:00 horas.
O 3 de abril, o Mercado de Tomiño acollerá a proxección dunha película documental sobre o autismo ás 17:00 horas, unha charla e obradoiros para nenos con servizo de gardería. A mesma actividade desenvolverase en Tui a seguinte xornada, 4 de abril a partir das 18:00 horas no Colexio Nº1 de Tui.
Os días 6 e 8 todos os eventos terán lugar en no Colexio Nº1 de Tui. O venres haberá un obradoiro para nenos ás 17:00 horas e o domingo, día 8, pecharase unha semana de celebración cunha festa de inchables e obradoiros pensada para os cativos. Será de 17:00 a 20:00 horas.