A caravana dos Bolechas visita este martes Baiona con teatro para a cativada e sorteos

Publicidad

Os Bolechas continúan coa súa xira de verán “Os Bolechas Deportistas xogan no tempo” no concello de Baiona. É a segunda edición desta iniciativa, durante a cal visitan quince concellos galegos co principal obxectivo de fomentar o uso da lingua galega no deporte e os hábitos de vida saudables entre os máis cativos a través dun teatro de monicreques e outras actividades complementarias a pé de rúa (como sorteos de libros). A actividade terá lugar este martes, 1 de agosto, ás 22:30 horas na Praza do Concello, e está enmarcada dentro do FalaRedes, un programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Esta iniciativa nace coa idea de pretende espallar a sabedoría e as ganas de pasalo ben cunha vida activa, ademáis de aproveitar para fomentar o uso do galego dentro do deporte, en moitas ocasións relegado a unha posición case residual. Nesta nova aventura, Os Bolechas viaxan nunha caravana itinerante co seu avó, quen está moi contento por esta excursión cos seus netos. Para non aburrirse e pasalo ben, Braulio decide construír unha máquina coa que practicarán os deportes do pasado, presente e futuro.

Unha caravana de ruta pola xeografía galega

Cun total de quince actuacións, o concello de Ribeira foi a primeira parada da familia, seguida de Chantada, Barreiros, Campo Lameiro, Vilanova de Arousa, Boqueixón, O Pereiro de Aguiar, Quiroga, Frades, Mondariz, Ares, Baiona e as próximas actuacións en Bande e a Pobra de Trives. A derradeira excursión dos Bolechas será o domingo 6 de agosto, no municipio ourensán de Castro Caldelas. Na web osbolechasdeportistas.com poderán consultar toda a información e datas das actuacións.

Ademais de consultar o calendario da xira, na web os cativos poderán descargar unha unidade didáctica sobre deporte, ficheiros para colorear, pasatempos como encrucillados e sopas de letras; así como dous test de avaliación, un máis doado e outro difícil, para poñer a proba os seus coñecemento sobre deporte. Tras pasar o exame, os que o desexen, poderán descargar un diploma que acredita a súa condición de deportistas avanzados.

Os Bolechas como ferramenta educativa, pero tamén lúdica

Desde que comezaron a publicarse no ano 2000 Os Bolechas convertéronse nun auténtico fenómeno. Con máis de 600 títulos publicados e máis de 1.800.000 exemplares distribuídos, teñen unha verdadeira lexión de seguidores entre os máis pequenos, que seguen con paixón as súas aventuras, ben sexa a través dos seus libros, da televisión, nas propostas escénicas ou nas saídas á rúa.

Este seguimento masivo e continuo durante máis de 22 anos permitiu a toda unha xeración de galegas e galegos achegarse á cultura e á literatura en lingua galega desde os primeiros anos de vida, o que supuxo un importante papel na promoción e difusión do idioma. Tanto é así que moitos nenos teñen na casa o seu primeiro e máis intenso contacto co galego a través das súas aventuras, todas elas cun destacado contido didáctico e pedagóxico, que contribúe á formación dos escolares de educación infantil e de primaria de Galicia mediante o pracer e o divertimento.

Salir de la versión móvil