O martes 22 de maio, no Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra, terá lugar o sorteo das prazas do programa "Depo Aventura" A Lanzada, unha iniciativa organizada pola institución provincial e que se desenvolverá entre os meses de xullo e setembro.
Unha vez realizado o sorteo das prazas adxudicadas, os resultados disporanse na páxina web da Deputación de Pontevedra. Amais, durante o mércores 23 de maio, as familias serán informadas mediante SMS ao móbil da quenda que lle corresponde aos seus fillos.
Para este verán, a Deputación organiza 11 quendas, con 200 prazas cada unha, coa finalidade de dar cabida na Lanzada ás 2.200 nenas e nenos con idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos, nados entre o 2005 e o 2010, e empadroados nos concellos da provincia. Das 2.200 prazas, 300 son gratuítas para familias en situación ou risco de exclusión social. A primeira quenda terá lugar do 24 ao 30 de xuño e as seguintes do 1 ao 7 de xullo, do 8 ao 14 de xullo, do 15 ao 21 de xullo, do 22 ao 28 de xullo, do 29 de xullo ao 4 de agosto, do 5 ao 11 de agosto, do 12 ao 18 de agosto, do 19 ao 25 de agosto, do 26 de agosto ao 1 de setembro e do 2 ao 8 de setembro.
A próxima semana publicarase a lista de nenas e nenos admitidas e admitidos e abrirase un prazo para que as familias poidan presentar, se así o desexan, reclamacións.
"Depo Aventura" A Lanzada contará con actividades cun claro compoñente educativo no ámbito do lecer, lúdicas, culturais, deportivas e formativas que contribúan ao enriquecemento persoal e á adquisición de habilidades sociais. A principal novidade deste ano ven dada pola resposta e compromiso adquirido trala vaga de lumes de introducir actividades de formación e educación ambiental. Deste xeito, en cada unha das quendas, haberá unha actividade centrada na concienciación sobre a posta en valor dos montes e prevención dos lumes.
Xunto a esta actividade, os campamentos da Deputación tamén están orientados á consecución de hábitos saudables, ao fomento de actitudes solidarias e de convivencia, á promoción da educación e igualdade de xénero e ao fomento do respecto ao medio ambiente. Amais, tamén se inclúe unha visita á Illa de Ons e outra de carácter cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e, ao igual que aconteceu o ano pasado, deberán impulsar actividades en lingua inglesa co obxectivo de mellorar o seu dominio do idioma nun contexto de lecer.
Ao acto asistirá a deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, que presenciará o sorteo das 2.200 prazas que ten dispoñibles este demandado programa da Deputación de Pontevedra, De feito, este ano a institución provincial recibiu máis de 3.500 solicitudes.