A rapazada aprende a respectar o medio mariño nas praias de Bueu

Publicidad





Dúas das praias bueuesas que gozan do distintivo de Bandeira Azul, Area de Bon e Portomaior, serán o escenario para levar a cabo un programa de actividades de educación ambiental nos ecosistemas do litoral e mariños. Así o anunciou este mércores a concelleira de turismo, Silvia Carballo, durante a rolda de prensa na que destacou que “o obxectivo é sensibilizar xa desde as idades máis cativas sobre a conservación dos areais e outros ecosistemas mariños e potenciar un turismo sostible”.

Os obradoiros van ter lugar o 25 de agosto en Portomaior e o 1 de setembro en Area de Bon das 11:00 ás 13:00 horas e neles poderán participar ata trinta rapaces e rapazas de oito anos en adiante.

Os obradoiros tratarán de descubrir a contorna natural do litoral como un lugar de gran riqueza biolóxica e abundantes recursos pesqueiros e marisqueiros, observar a natureza, alterándoa o menos posible para non causar impactos negativos e coñecer os grandes problemas da perda de biodiversidade que se produce na Ría de Pontevedra.

O Concello de Bueu conta con dúas Aulas de Interpretación, no espazo protexido de Cabo Udra e en Agrelo, nos que tamén se levan a cabo diversas actividades e obradoiros de temática ambiental para a rapazada. Ademais, ao longo do verán, todos os mércores e sábados organízanse roteiros de sendeirismo.

Salir de la versión móvil