O Samaín volve un ano máis a Moaña para celebrar os lazos co mundo celta e ofrecer unha alternativa de ocio para os cativos nunha xornada de festivo escolar. A Festa do Samaín, que suma a súa cuarta edición, terá lugar na contorna da Praza de Abastos e será totalmente de balde.
A cita, organizada polo Concello de Moaña en colaboración coa Asociación Cultural Fontenla, arrancará ás 17:00 horas do xoves 31 de outubro e prolongarase até ás 21:00 horas.
A carpa na que terán lugar as actividades contará con diferentes ambientes e temáticas e nela haberá dende un “túnel do terror” até unha pitonisa, pasando por obradoiros de maquillaxe, manualidades, paracaídas, photocall ou caixa adiviña. Os xogos están pensados para nenos e nenas a partir dos catro anos, pero tamén haberá un espazo de “bebeteca” para os menores desa idade. Baixo a carpa haberá tamén unha carpa con bebidas e refrescos.
Esta é a cuarta edición dunha cita que cada ano congrega á rapazada que se achega até a carpa de actividades ao longo da tarde para desfrutar dunha xornada festiva de terror e diversión, segundo explicou a concelleira de Turismo, Coral Ríos, na presentación do evento.