Abertas as inscricións para o programa gratuíto de conciliación durante o verán en Redondela

Foto: Pressfoto / Freepik

Publicidad

Como conciliar a vida laboral e familiar este verán? A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela organiza o Programa municipal de conciliación Verán 2023, coa finalidade de proporcionar un recurso socio comunitario de apoio ás familias redondelás que favorece a conciliación de responsabilidades familiares e laborais, permite integrar e posibilitar ao conxunto da poboación infantil o acceso ao mundo das actividades.

O servizo, totalmente de balde, prestarase durante os meses de xullo e de agosto en horario de 09:00 horas a 14:00 horas, de luns a venres, os días hábiles dos períodos establecidos, entendéndose como tales os acollidos na normativa correspondente pola que se establece o calendario laboral oficial para o ano en curso e sucesivos no ámbito do concello de Redondela.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinala as novidades deste ano que teñen que ver co número de prazas, pois “durante o mes de xullo aumentamos as prazas ata 300 e en agosto mantéñense 180 debido a maior demanda no primeiro mes de vacacións e pola experiencia de anos anteriores. De feito o sistema de inscrición é quincenal o que permite a participación de maior número de nenos e nenas e dáselle falicidade as familias para escoller datas”.

As  poboación destinataria do programa son menores, preferentemente empadroados/as en Redondela, con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. No caso de menores con necesidades educativas especiais avaliarase cada solicitude de maneira individual. Rivas explica que “o programa de conciliación conta con actividades pensadas para este rango de idade e que pasarán un filtro específico da Concellería de Igualdade e as técnicas correspondentes do Concello para asegurar que tódolos xogos sexan respetuosos, educativos e pensados dende a igualdade de xénero”.

A alcaldesa de Redondela compara a esta proposta coas realizadas polos populares redondeláns: “fronte ao mes de campamento de conciliación que ofrecían os Gobernos conservadores, o Goberno socialista realiza campamentos gratuítos durante os meses de xullo e agosto, incrementando polo tanto o orzamento destinado á conciliación, algo que eles non foron quen de facer”.

Con estas iniciativa en marcha e cos distintos obradoiros e campamentos que se fan todo o ano, durante o verán, O Entroido, Semana, Santa e Nadal para cubrir a totalidade das vacacións dos rapaces e rapazas, non entende á alcaldesa Digna Rivas, as críticas do PP local sobre a falta de actividades que permitan a conciliación da vida laboral e familiar das veciñas e veciños. “Unha vez máis, e xa non é novidade, o PP recorre a terxiversación da realidade coa clara intención de desgastar ao Goberno”, afirma Digna Rivas quen asegura que “fronte a iso, o Goberno socialista ofrece feitos concretos e datos irrefutables sobre a potenciación das actividades de conciliación”.

Prazas nos centros

En xullo haberá 45 prazas no CEIP Plurilingüe Porto-Cabeiro; 30 no CEIP de Cedeira; 60 no CEIP Outeiro das Penas; 60 no Multiúsos de Chapela; 15 no CEIP Plurilingüe Quintela; 30 no Pavillón de Reboreda e 60 no Conservatorio Municipal de música “Víctor Ureña”.

No mes de agosto haberá 15 prazas no CEIP Plurilingüe Porto-Cabeiro; 15 no CEIP de Cedeira; 30 no CEIP Outeiro das Penas; 45 no Multiúsos de Chapela; 15 no CEIP Plurilingüe Quintela; 15 no Pavillón de Reboreda e 45 no Conservatorio Municipal de música “Víctor Ureña”.

As prazas para os menores con necesidades educativas especiais están ubicadas nos centros de Redondela, concretamente no Conservatorio Municipal de música “Víctor Ureña” e de Chapela, o Multiúsos de Chapela.

A documentación desta convocatoria publicarase na páxina web municipal e poderase solicitar en formato papel no edificio municipal do Concello de Redondela ou nas oficinas do Centro de información á muller (CIM). As solicitudes deberán presentarse no Rexistro xeral do Concello. O prazo para a presentación de solicitudes será do 18 ao 31 de maio de 2023, ambos dous días incluídos.

Salir de la versión móvil