Ficción, música e realidade mestúranse nas rúas de Vigo

Publicidad
Espectáculo de "As parábolas de Pacolas" // P. Cerdeira

O servizo de normalización lingüística do Concello de Vigo vén realizando estes meses diversas actividades dentro do “no verán… un conto” no que percorren os barrios da cidade para divulgar a lectura entre os cativos.

Co comezo de agosto, o Concello programa 18 actividades diferentes que abranguen dende contacontos até xogos tradicionais, cantigas, monicreques e diferentes obradoiros relacionados co mundo literario. Todas as actividades dan comezo ás 20:00 horas.

Pero non soamente están destinados ao público infantil, senón que tamén hai actividades para familias e incluso para adultos coa representación de diferentes regueifas.

Cando visitan o meu barrio?

As actividades comezan hoxe mesmo nas Travesas da man dos alumnos do Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo que presentan o seu espectáculo “O recendo dos contos”. Dará comezo ás 20:00 horas na Praza do Emigrante e en 45 minutos percorrerá os aromas que desprenden os contos: o medo, o amor, as flores… Esta actividade estará o día 3 de agosto na Miñoca, o día 4 en Navia, o 8 día en Teis, o día 10 no Calvario e o día 23 no Casco Vello.

Pola súa parte, o espectáculo sobre Carlos Casares, “Cocorocó”, chegará mañá mércores ó paseo do Calvario. Trátase dun espectáculo de narración destinado a toda a familia que se erixe como un berro de loita contra as inxustizas, que nos fai pensar e valorar a diversidade. Durante a representación empréganse monicreques, obxectos e debuxos. Estará tamén detrás do Marco (4 de agosto) e nas Travesas (7 de agosto).

“A música da auga”, do músico Servando Barreiro e do contacontos Anxo Moure, divulgará o coidado da natureza e a necesidade de por en valor os nosos ríos, fontes, lagoas, fervenzas e mares. Contos de xacias, de homes peixe, contos de lontras, e polbiños, contos da chuvia e das fontes que divulgan a riqueza dos ecosistemas fluviais e marítimos propoñen hábitos para o seu coidado. Visitarán a alameda de Bouzas o venres, 4 de agosto, A Miñoca, 21 de agosto, e o Calvario, 28 de agosto.

Outro dos espectáculos é “Libri Terrae”. Está pensado para nenos de máis de catro anos e busca animar á lectura dun xeito orixinal e diferente da man de catorce personaxes diferentes. Conta con xincanas, obradoiros e xogos de vocabulario. Ten unha duración de hora e media. Estará na Praza da Independencia (9 de agosto), O Calvario (23 de agosto) e Navia (25 de agosto).

Xa segundo avance o mes chegarán “As Parábolas de Pakolas”, espectáculo de pequeno formato no que o compositor Paco Cerdeira interpreta en directo unha escolla dos seus temas propios para público infantil. O músico, que iniciou a sua carreira como membro do grupo de música didáctica infantil Mamá Cabra, interpreta temas rock adaptados para os mais cativos nos que sempre se recolle unha parábola final a modo de aprendizaxe.

Outros dos espectáculos que acollerán os barrios da cidade olívica son “O censor de Monstros”, no que Leda e o seu avó Cristovo, nos descubrirán os monstros e seres fantásticos que habitan na Galicia e “O traxe novo do rei”, no que Esteban Acuña porá en marcha este conto tradicional de Andersen, que desta vez se representará con monicreques de man e de mesa, xunto con miniaturas.

 

Salir de la versión móvil