Que facer cos nenos este venres, 18 de agosto?

Publicidad

Cada vez queda menos para que comece de novo o curso escolar e os cativos aproveitan as últimas xornadas de agosto para desfrutar ao máximo das súas vacacións. Para que non se aburran este fin de semana, deixámoste tres actividades que se celebran este venres pensadas para os nenos e nenas.

O Porriño | Teatro de rúa: A tropa do Doutor Milagre

O espectáculo “A tropa do Doutor Milagre”, da compañía Inventi Teatro chega este venres á praza Antonio Palacios do Porriño. Trátase dunha representación onde os maiores e pequenos poderán probar de primeira man os productos do Doutor Milagre, que traerá todo tipo de remedios: para a alopecia, para a falta de ánimo, a apatía…

Música, improvisación, xogo, baile, diversión, comedia, maxia e moito máis neste delirante espectáculo de rúa. O obxectivo e lembrar aos vellos titiriteiros amblantes, cargados de labia e cachivaches inservibles.

Redondela | Cinema de rúa: Maimiño e o espello máxico

Dirixida por Ernesto Padrón e estreada no 2014, a película “Maimiño e o espello máxico” conta a historia dun pequeno campesiño que quere sacar a súa familia da pobreza e se lanza á cidade xunto aos seus irmáns. Alí descobren que un enorme carballo encantado ten o palacio do rei na penumbra e sen auga, e que o soberano prometeu outorgarlle o título de marqués e darlle á súa filla, a princesa Denise, en matrimonio, a quen corte a árbore e abra o pozo.

O filme, o único de animación infantil feito en Galicia en galego, trátase dunha producción galego-cubana que chegará este venres á Alameda de Redondela ao abeiro da oferta da Rede de Dinamización Lingüística de Galicia. Un filme para toda a familia que incorpora na súa trama algúns dos valores más relevantes a trasladar na primeira infancia: a amizade, a xustiza social, o amor ou a importancia do esforzo para acadar os obxectivos.

Nigrán | Obradoiro infantil no Val Miñor Fest

O paseo da Foz, na Ramallosa, acolle esta fin de semana o Val Miñor Fest, dedicado á cervexa artesanal feita en Galicia. Porén, os máis cativos tamén teñen un espazo neste festival pensado para toda a familia. Este venres, ás 18:00 horas, celebra un obradoiro infantil de experimentanción sensorial.

A actividade estará a cargo de Cera de Colores, especializados na filosofía Waldorf e na arteterapia, e busca que os cativos desenvolvan as súas capacidades cognitivas a través da captación de estímulos sensoriais, nomeadamente con texturas e cores. Inténtase así estimular o proceso da memoria infantil e de desenvolvemento cognitivo, fundamental para potenciar a atención e a percepción, que máis tarde será unha ferramenta indispensable para razoar.  O obradoiro é totalmente gratuito.

Dentro do Val Miñor Fest, celebraránse tamén un obradoiro de iniciación á esgrima, o sábado ás 13:00 horas, e un contacontos infantil a cargo de Xanotas e Leirotas coa historia de "O mundo animal", o domingo ás 12:30 horas.

 

Salir de la versión móvil