O festival de cultura emerxente Revoltallo, en Valladares, conta os días para unha nova edición totalmente renovada. Entre o 7 e o 9 de setembro, a Carballeira do Pedregal encherase de música bravú, rock ou blues da man de doce grupos do país preparados para demostrar o bo produto de Galicia.
Porén, ademais dos concertos nocturnos para adultos, o festival de Valladares conta tamén cunha importante programación para os máis cativos: O Revoltalliño.
A carballeira do Pedregal comezará a programación familiar o venres ás 17:00 horas co obradoiro de creación libre de brinquedos, onde os pequenos poderán crear bonecos a partir de diferentes elementos naturais: poliñas, bugallos, follas, noces... para pechar a xornada co espectáculo A xogar, cantar e bailar da man de Cé Orquestra Pantasma ás 19:00 horas.
Pero o domingo será o día grande para as familias. Eva Vila e o seu carromato será a encargada de abrir o espazo ás 17:00 horas. A través da avoa Filomena irá narrando un conto detrás doutro:“A pequena eiruga lambona”, “Óscar, o botón” e ”O cabaliño de Madeira”.
Ás 18:00 horas chegará o tempo de circo co chou dos Makinolas, onde clown, malabares, equilibrios e bailes mestúranse nun show divertido e familiar. Pola súa parte, a maxia chegará con Deimi (19:00 horas) para todos os públicos: cartomaxia, manipulación, escapismo, mentalismo, levitacións, aparicións, maxia con lume, desaparicións, transformacións...
Obradoiros
Dentro da oferta do Revoltallo, o venres tamén será un día para aprender: de 17:00 a 20:00 horas sucederánse diferentes obradoiros de percusión africana, baixo de blues e rock’n’roll, iniciación de efectos coa guitarra, canto e producción de música electrónica. Terán lugar nas instalacións do Centro Veciñal e Cultural de Valladares, de balde e todos aqueles interesados poderán inscribirse ata o xoves 6 de setembro.