A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona abre o prazo para solicitar praza para participar na Escola de Verán 2022. A actividade, dirixida a nenos e nenas nados entre o ano 2010 e 2018, busca "faciltiar ás familias un recuros para conciliar a vida laboral, persoal e familiar" ofrecendo un programa de actividades no mes de xullo, cando a rapazada xa está de vacacións.
Para anotarse é preciso estar empadroado no municipio, que o neno ou nena estea escolarizado no curso 2021-2022 nun centro educativo de Baiona, ou que o pai ou nai traballen nun negocio na localidade. O programa desenvolverase ao longo do mes de xullo, de luns a venres de 8:00 a 15:00 horas no CPI Covaterreña e no CEP de Sabarís, salvo festivos. Haberá flexibilidade no horario de entrada (de 8:00 a 9:15 horas) e no horario de saída (de 13:45 a 15:00 horas) sempre que se sinale nas solicitudes.
As persoas interesadas en participar na convocatoria deberán presentar a solicitude de inscrición debidamente cumprimentada e asinada, xunto coa documentación requirida no rexistro de entrada do Concello de Baiona de luns a venres en horario de mañá, ou a través da sede electrónica do Concello de Baiona. O prazo para presentar a solicitude comeza este xoves 5 de maio e remata o venres 20 de maio ás 14:00 horas.