"Canto Conto", o festival infantil de Mos, volve con Magín Blanco, Os Bolechas, Oviravai e Pakolas

Publicidad

Nova cita infantil e familiar na área metropolitana de Vigo. Desta vez, chega o festival “Canto Conto”, que este ano celebra a súa cuarta edición adiantando un mes a súa tradicional data de celebración.

Canto Conto terá lugar o domingo, 12 de maio, na zona da Pesqueira, próxima ao Pazo de Mos no Paseo do Río Louro. A cita, que arrancará ás 12:00 horas, volve cunha intensa programación infantil ao longo de toda a xornada que inclúe concertos, karts a pedales, actividades e obradoiros, unha andaina teatralizada e un xantar familiar.

As actuacións comezarán co músico galego Magín Blanco e a Banda das Apertas ás 12.00 horas, Pakolas ás 16.00 horas, Os Bolechas ás 17.00 horas e O Viravai con “Paio e o poder da música” ás 18.30 horas.

Por outra parte, ás 13.00 horas organizarase unha andaina polo Paseo do Río Louro a cargo de Mai e Miña, As Maimiñas, e ás 14.00 horas dará comezo a comida campestre. Durante todo o día realizaranse obradoiros de arxila, práctica de infinidade de xogos populares; e haberá inchables e karts a pedales.

O Festival Canto Conto é un evento dirixido ao público infantil e familiar organizado por Reviravolta Producións e As Maimiñas. Celébrase no Concello de Mos dende o ano 2016. Na pasada edición foron máis de cinco mil persoas as que pasaron por Mos para desfrutar dun día en familia. Como o seu nome indica, neste festival teñen especial importancia os contos e a música, plasmados en contadas maxistrais e concertos de música en directo que, xunto con obradoiros e xogos, fan a delicias de nenos e maiores durante todo o día.

Ademais dos contos e concertos os nenos e nenas participan en diversos obradoiros, onde dan vía libre á súa imaxinación e aprenden cousas divertidas. O festival é tamén un bo xeito de achegar aos nenos e nenas ao mundo da arte, por iso durante o mesmo os propios cativos son autores de grandes obras de arte.

Salir de la versión móvil