Catrocentos 'runners' nenos e nenas participan no cross escolar de Guláns

Publicidad

A Asociación Deportiva Escolar do Condado e da Paradanta (ADECONPAR) organiza en colaboración co Concello de Ponteareas e a Fundación Guláns o cross escolar de Guláns que terá lugar este venres 17 de novembro a partir das 10:30 horas.

Ao acto de presentación do evento asistiron o concelleiro de Deportes, Benito Márquez; Florencio Porto da Fundación Guláns; Daniel Benavides, xefe territorial de Deportes; José Luis Soto, coordinador da actividade e Ángel e Borja, membros de ADECONPAR.

No cross escolar que se celebra dende o ano 2009 no marco do programa Xogade da Xunta de Galicia, participan arredor de 440 alumnos e alumnas dos centros escolares do Condado e da Paradanta.

O alumnado de quinto e sexto de primaria competirá nun circuíto de 550 metros percorrendo un total de entre 1.200 e 1.500 metros dependendo da categoría na que compita (alevín ou infantil).

Co obxectivo de potenciar a práctica de deportes, de fomentar a convivencia entre a xuventude das súas comarcas e de promocionar os hábitos saudables, a organización ofrecerá aos participantes un avitullamento a base de chocolate e rosquillas no que os mozos e mozas poderán confraternizar e gozar dunha xornada de deporte e lecer.

Benito Márquez, concelleiro de Deportes, sinalou "a importancia de que actos deportivos deste calibre se celebren tamén nas parroquias, xa que son unha maneira máis de dinamizar estas zonas e de mostrar as boas instalacións coas que conta a nosa vila".

Salir de la versión móvil