Contacontos e maxia como ferramenta de solidariedade cos cativos saharauís en Ponteareas

Publicidad

Soliedariedade Galega co Pobo Saharauí organiza este venres, 11 de maio, no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas o II Festival Solidario coa contacontos na que todas as familias poderán gozar dun entretido e divertido tempo de lecer.

A cita, que non ten un prezo de entrada, agardando a solidariedade de todos e todas as ponteareás que aporten un donativo, contará coa presenza da narradora oral Raquel Queizas, o paiaso Popin e o mago Paco nunha gran festa infantil.

Ademais, Solidariedade Galega co Pobo Saharauí informa de que xa está aberto o prazo para que todas as familias que o desexen acollan este verán a un neno ou nena dos campamentos saharauís.

Grazas á colaboración do concello de Ponteareas que financia case sete traslados, as familias beneficiarias non terán que afrontar os gastos de desprazamentos dos cativos e cativas e tan só terán que recibilos nos seus fogares e desfrutar desta marabillosa e fermosa convivencia na que as dúas culturas se funden conformando unha soa familia.

A organización adianta que precisa familias acolledoras que coa súa xenerosidade brinden a oportunidade a estes pequenos e pequenas de coñecer outro xeito de vida e ver atendidas as súas necesidades máis básicas en canto a saúde.

Grazas aos acordos coa Seguridade Social e con empresas privadas os participantes no programa Vacacións en Paz teñen cobertura sanitaria e tamén de oftalmoloxía e audición. Todos os interesados e interesadas deben contactar no teléfono 986 26 26 37.

Salir de la versión móvil