Este sábado Sala Ártika dá o pistoletazo de saída ao VII Pequeártiko de Nadal, un festival de teatro, dirixido ao público familiar, no que doce compañías de todo o territorio nacional ofrecerán 24 funcións de teatro de obxectos, títeres, musicais e clowns. Trátase dun dos festivais máis recoñecidos da sala que, este ano, terá lugar dende o sábado 18 ata o venres 31 de decembro de 2021.
O primeiro espectáculo é "Emoticolors" que chega a Vigo da man de Tarambana Espectáculos. A representación é unha divertida mestura de teatro, música e audiovisuais baseada na historia da cor negra que chega ao país das Cores Primarias e a rexeitan por ser diferente. Está función levarase a cabo ás 17:00 e as 18:30 horas do sábado 18 de decembro.
Ao día seguiente, o domingo 19 de decembro, tócalle o escenario á compañía Xanela do Maxín coa obra "A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza", que se representará as 12:00 e as 18:00 horas. Conta a historia dunha toupiña en busca do culpable de haberlle tirado un pucho cheirento á cabeza cando saía do seu tobo.
O relevo de Xanela do Maxín será Títeres sin cabeza coa función "Diminutivo" o luns 20 de decembro ás 17:00 e ás 18:30 horas. Esta obra de teatro é un espectáculo de monicreques crocantes que ten como protagonistas a un boliño de pan e a unha madalena que introducen ao público no mundo dos xestos coa lingua de signos.
O martes 21 de decembro ás 17:00 e ás 18:30 horas será o turno de O Baúl da Tía Tola que representará o espectáculo "Lixo", que conta con escenografías creadas a partir de plásticos e pezas recicladas. Ademáis, está protagonizado por dúas bailadeiras que mostrarán ao público un mundo de plásticos, luces, sonoridade e movemento co obxetivo de "crear cultura a partir da varredura".
https://www.youtube.com/watch?v=33Ttiyzv-Vw
"Nino e Mambrú" da compañía de teatro The Moving Compass será a obra que acolla Sala Ártika o mércores 22 de decembro en dúas funcións, ás 17:00 horas e ás 18:30. Esta obra é un espectáculo de máscaras no que dous irmáns zapateiros, a través de acrobacias e da esgrima, terán que demostrar que son os mellores do mundo na súa profesión.
A nova proposta de Caramuxo Teatro, "A nena que vivía nunha caixa de mistos", tamén formará parte do VII Pequeártico. É unha obra inspirada no conto "A vendedora de mistos" de Hans Christian Ándersen que completa a triloxía de contos populares que a compañía de teatro comezou con "As fabas máxicas" e continuou con "Feo", espectáculo que recibiu o premio María Casares a mellor espectáculo infantil. A representación terá lugar o xoves 23 de decembro ás 17:00 e as 18:30 horas e tratará o tema da pobreza infantil.
O día de Noiteboa ás 12:00 horas, Inventi Teatro levará á Sala Artika a función de rúa "A gran viaxe", un espectáculo doutro mundo no que a capitana Centella e o doutor Potasio chegan á terra coa súa nave espacial co obxetivo de salvar o seu planeta, pero nada lles sae ben e teñen que ser axudados polos humanos.
"Cartoons", das compañías Excéntricas e Teatro do Adro, conta a historia de dous homes exiliados da súa patria pola guerra e, ao perdelo todo, se ven na obriga de inventalo todo de novo. Este espectáculo humorístico de clowns terá funcións ás 12:00 e as 18:00 horas o domingo 26 de decembro.
Dende Valencia chega "Frida, la niña que quería pintar", da man de Teatre de la Caixeta. O luns 27 de decembro ás 17:00 e ás 18:30 horas esta obra de danza-teatro contará ao público a historia de Magdalena, unha nena enferma que por aburrimento invéntase unha amiga imaxinaria que lle dará forma ao mundo tan característico de Frida Kahlo.
O martes 28 de decembro á mesma hora será a quenda de Filis Teatro (Extremadura) coa obra "Chucho", o novo traballo de Francis J. Quirós. Unha función que ten coma protagonista a unha peculiar personaxe divertida, xoguetona e algo curiosa que fará reflexionar ao público sobre o abandono, o amor cara aos animais, a importancia do xogo e a diversión.
No mesmo horario ao día seguinte, mércores 29 de decembro, chegará a Sala Ártika "Laranxus 7" da compañía Teatro Avento Producións. É un espectáculo de títeres protagonizado por Verde, un extraterrestre aburrido da súa vida, que cando o seu planeta é invadido embarcase nunha aventura en busca de axuda na que coñecerá diferentes razas e lugares do universo.
Por último, o broche final ao festival de teatro estará a cargo da estrea de Cía Aártika "A illa da deslembranza" que contará con dúas funcións o xoves 30 de decembro as 17:00 e as 18:30 horas e cunha o día 31 ás 12:00 horas. Este novo espectáculo conta unha historia de lembranzas, recordos e historias vividas da man de Uxia, unha nena de dez anos, e o seu avó.
As entradas para todos os espectáculos xa están dispoñibles na páxina web de Sala Ártika e teñen un precio de 8 euros anticipada e de 10 euros en taquilla.