Os nenos e nenas terán esta fin de semana o seu lugar destacado na programación de “San Telmo na Casa” que está a desenvolver o Concello de Tui. A Radio Municipal emitirá dous programas especiais cunha suxerinte proposta par á rapazada, que está a facer tamén un importante esforzo durante o confinamento. Así, o sábado ás 17:00 horas emitirá un programa a cargo de María Fumaça, e o domingo, tamén ás 17:00 horas, con Mamá Cabra. Ambos programas reemitiranse o luns ás 11:00 e ás 17:00 horas, respectivamente. A emisión da RMT pódese escoitar online nesta ligazón.
A familia María Fumaça presentará o seu novo disco “O veleiro verde” xunto a outras cancións de anteriores traballos. O disco incorpora novos ritmos e temáticos que pretenden reflectir a evolución de Ruí, o seu protagonista. Metido de cheo na adolescencia, Ruí mudou os gustos e as preocupacións pero non as ganas de cambiar o mundo. Na compaña dos seus, canta alto e forte a prol da inclusión, a igualdade e o dereito a medrar nun planeta vivo, verde e con futuro.
Pola súa parte, Mamá Cabra presenta en formato radiofónico “A fraga do meu avó”, o seu máis recente traballo que nace do amor pola natureza e do compromiso pola terra que coidaron os nosos avós e as nosas avoas. Gloria Mosquera, voz e creadora de Mamá Cabra, convida aos cativos a pasear xuntas por esa fraga e a coñecer os seus carballos, as súas píntegas e curuxas.
Amais, a Radio Municipal de Tui emitirá unha “sesión vermú festiva” o sábado, o domingo e o luns de 12:30 a 13:30 horas. O Concello convida a colocar a bandeira de Tui en ventás ou fiestras durante a fin de semana.
O luns, festivo local en Tui, ás 20:30 horas o Concello programou o repique das campás da Catedral e de todas as igrexas tudenses durante cinco minutos. Dende o Concello quérese agradecer a magnífica acollida que tivo esta proposta tanto por parte do Deán da Catedral, coma dos distintos párrocos tudenses.
Amais, convidouse a unha serie de músicos a enviar a súa mensaxe nestes festexos. En formato vídeo están a ser compartidos nas redes sociais municipais as mensaxes das Raquel e Sara Areal Martínez, Andrea González e Daniel Pereira, Pancho Álvarez, Samuel Diz, Aloia Martínez, Ángel Sanchez e Antón e Ramón Corral. Durante a fin de semana será a quenda mensaxes institucionais.