A compañía Baobab Teatro leva ao Auditorio de Goián de viaxe polo espazo

Publicidad

A compañía “Baobab Teatro” chega este sábado 8 de xuño ao Auditorio de Goián co espectáculo “Martes”. A función, encadrada dentro do programa de Educación Familiar “Medrando en Familia”, será ás 19:00 horas con entrada de balde. Esta será a única peza teatral destinada de forma específica ao público familiar con nenas e nenos de entre 2 e 7 anos. A representación está subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do programa Pontegal e conta tamén coa colaboración do Concello de Tomiño.

“Martes” é unha obra feita coa técnica coñecida como luz negra, unha iluminación especial fai posible que os manipuladores se manteñan ocultos á vista do público á vez que posúen liberdade absoluta para conducir os movementos dos monicreques, que parecen flotar ingrávidos como por encantamento.

O espectáculo que representará este sábado 8 de xuño a compañía “Baobab Teatro” foi seleccionada na Feira Europea de Artes Escénicas para Nenos e Nenas 2015 (FETEN) e está recomendada pola Rede Española de Teatros, Auditorios, Circuítos e Festivais, a Rede Sarea do País Vasco e tamén forma parte do Catálogo Platea 2015.

“Martes” está recomendada para a cativada con idade entre os 2 e os 7 anos, aínda que tamén para eses adultos (pais, tíos ou avós) dispostos a gozar como auténticos nenos. O espectáculo leva ao público a Galaxia Leo T, formada por planetas, estrelas e Martes. Martes é un ser espacial que vive entre a Lúa e as Estrelas. Gústalle xogar con elas e nunca, nunca se afasta. Tenlle medo ao lobo, aos monstros, aos tronos e aos pedos. Por iso nunca saíu da Lúa, dorme no seu colo e sácalle brillo para non quedar a escuras. Martes naceu un día de lúa chega, algúns din que é fillo da Lúa pero iso non o sabemos, para iso inicia unha viaxe máis aló do Sol e de camiño coñecerá divertidos e estrañas personaxes.

Salir de la versión móvil