A canteira de festivaleros ten a súa “masía” en Mos. O Centro Cultural As Pedriñas de Tameiga organiza para este sábado, 16 de setembro, a segunda edición do seu festival de música infantil e xuvenil.
“Somos festivaleiros e queremos que os cativos e cativas teñan tamén esa cultura e valoren aos nosos músicos”, sinala dende a organización do evento Lorena Alonso. Cada ano, os festivais máis importantes da nosa contorna amplían e diversifican as súas actividades para dar paso tamén aos meniños, pero ningún está unicamente destinado en exclusiva para eles.
Por iso, por segundo ano consecutivo, o “Miúdo Fest” trae ao mellor da escena musical galega para os pequenos. O festival, que se celebrará no Centro Cultural As Pedriñas, permitirá ademais desfrutar da natureza con actuacións no parque do centro ou na contorna dos muíños de auga.
A cita arrancará ás 16:30 horas con Brinca Vai no auditorio do centro. O seu compositor e cantante, Paco Nogueiras, achegará a través de moi variados estilos como o rock, o folk ou o reggae a súa interpretación da natureza, da lectura, da amizade, dos xogos e das tradicións galegas.
Ás 17:30 horas chegará a quenda de Cé Orquestra Pantasma, que desprazará aos asistentes até a natureza. O home orquestra César Freiría, achegará o seu espectáculo “Fíos do querer”, orientado aos máis cativos até os 3 anos. Con cantigas moi sinxelas, os nenos poden repetir e aprender as súas primeiras verbas co son da música. Un espectáculo participativo e no que Cé Orquestra amosará tamén instrumentos tradicionais galegos.
Ás 18:30 horas seguiralle Paco Cerdeira, membro Gramola Gominola, que co seu espectáculo “As parábolas de Pakolas”. Interpretará en directo diversos temas infantís con música rock, pero sempre pensada para os pequenos. O eixo fundamental da súa actuación combina cancións coas historias e contos que nelas se recollen, cunha mensaxe final, e que forma así no conxunto, unha fermosa “parábola” musical da que aprender e na que pensar.
Por último, o festival pecharase con Uxía Lambona e Banda Molona, proxecto educativo-musical que achega temas tradicionais galegos dunha forma nova e atractiva, utilizando novos estilos musicais, dende o ska ao hip hop.
O acceso ao Festival, organizado polo Centro Cultural das Pedriñas en colaboración coa Comunidade de Montes de Tameiga, requerirá facerse cunha entrada-chapa que ten un custe de 3€ para non socios e 2€ para socios. Pode mercarse no mesmo día aínda que é aconsellable facerse con ela antes debido ao aforamento limitado do auditorio.
En definitiva, unha cita para os máis pequenos da casa, pero non só. Como apuntan dende a organización tamén permite aos adultos “recuperar o espírito de cando eramos cativos”. Ese carácter combativo da xeración do Xabarín revive novamente este sábado en Mos.