Miúdo Fest, os cativos teñen o seu propio festival de música en Mos

Publicidad

A cativada ben merece os seus propios festivais. Este tipo de eventos non deben ser só cosa de adultos. O Miúdo Fest mirou esa necesidade de que os máis pequenos foxen os verdadeiros protagonistas do evento. Así foi como logrou consolidarse. Este martes presentouse o cartaz da cuarta edición, unha programación que terá lugar os días 14 e 15 de setembro na Sala Rebullón e nos exteriores do Centro Territorial As Pedriñas e cunha serie de propostas que van mais alá da aposta pola música feita na nosa lingua.

Rock, reggae e os xoguetes tradicionais serán os grandes cabezas de cartel deste Miúdo Fest. O chamado como “festival para persoas de mediana estatura” permitirá gozar da actuación de A Gramola Gominola, a popular agrupación formada por Paco Cerdeira, Paula Romero, Anxelo de Xermar e Rodrigo Muñoz, todos eles compoñentes de conxuntos coma Zenzar, De Vacas ou Festicultores Troupe. O grupo naceu no ano 2015 e dende entón ofreceron centos de concertos poñendo ao público en pé cos cornos en man. Son unha auténtica banda de rock en galego para cativos que acadou en 2018 o Premio Martín Códax da Música ao mellor grupo de música infantil.

O sábado 14 de setembro tamén se subirá ao escenario a Banda dos Insectos, un proxecto deportivo e musical do Clube de Baloncesto Caselas enfocado a tódolos nenos e nenas amantes deste deporte, no que a música rock e as letras baseadas neste marabilloso deporte mestúranse buscando que os xogadores se familiaricen coa linguaxe do basket mediante a música. O que comezou coma unha idea de evento para pechar a tempada, converteuse nunha experiencia musical que levou a este clube deportivo a gravar as cancións nun estudio e a facer un videoclip musical do tema “Pasando a bola”.

Unha das grandes novidades no Miúdo Fest é a inmersión do xénero do reggae a través de Elephants Yard, que estarán no festival coa súa proposta de “reggae miúdo”, un proxecto comunitario integrado principalmente por músicos e cantantes locais da contorna de Vigo, enfocado á composición, gravación e interpretación de ritmos reggae.

O mestre de cerimonias destes grupos será Antón Ké, ukeleleautor. Coñecido por amenizar festivais, terrazas e bares co seu ukelele de batea. Ritmos furancheiros que beben do blues, o ska, a rumba, o reggae ou a música tradicional. Todo acompañado do sabor dunhas letras cheas de retranca e contigo, creando conciencia sobre temas como a natureza ou a vida.

A segunda xornada do Miúdo Fest arrincará o domingo a partir das 16:00 horas coas actuacións ao aire libre do Mago Marco, ilusionista cunha grande tradición familiar no mundo artístico que nos achegará un espectáculo no que fai partícipe ao público a través da maxia e o humor. Tamén este mesmo día, contarase co que vai sendo un clásico no festival, Cé Orquestra Pantasma. O home orquestra e a súa “Brincadeira Miúdiña” serán toda unha mostra de xoguetes tradicionais con obradoiros e xogos libres.

As entradas para asistir ao Miúdo Fest saen á venda este mércores 28 de agosto na oficina e cantina do Centro Social Cultural e Deportivo As Pedriñas. As localidades teñen un prezo de 3 euros para socios e 5 para os que non sexan socios. Na billeteira, o custe será de 8 euros.

Salir de la versión móvil