Moaña e O Rosal reciben a visita do Apalpador

Publicidad

‘O castiñeiro do Apalpador’ chegará mañá, venres 29 de decembro, ao Rosal e o sábado, 30 de decembro, a Moaña. A actividade de monicreques, dirixida a familias con crianzas de máis de tres anos, céntrase na historia do Apalpador, que nestas datas baixa do Courel ao encontro da cativada galega.

No caso do Rosal, a cita co Apalpador será ás 17:00 horas no Auditorio Municipal, namentres que os cativos e cativas moañeses poderán coñecelo ás 12:00 horas do sábado no Centro Sociocultural Daniel Castelao.

Quen é o apalpador?

O Apalpador é un personaxe lendario e mítico da cultura galega que vive nas fragas e altas montañas do interior de Galicia. Trátase dun xigante que viste roupa remendada, unha característica boina, fuma pipa e ten unha rechamante barba rubia. Segundo conta a lenda, o 31 de decembro baixa da montaña para visitar aos nenos e nenas galegas namentres dormen.

O seu nome explícase porque o noso home xigante das montañas apalpa a barriga dos cativos para ver se a teñen chea ou pasan fame. Tal e como recolle José André Lôpez, se están ben alimentados o Apalpador repite “así esteas todo o ano” e déixalles unas poucas de castañas. Se nota que pasan fame, o xigante non dirá nada e deixaralles tamén un puñado do froito dos castiñeiros.

A figura do Apalpador foi especialmente popular na zona do Courel e do Cebreiro e está a ser recuperada nos últimos anos polas diferentes administracións como parte da recuperación da cultura e mitos galegos.

Salir de la versión móvil