Moaña pechará unha intensa semana festiva coas súas primeiras pre-badaladas

Publicidad

O Concello de Moaña sumarase este ano á iniciativa de celebrar por adiantado a chegada do novo ano e facelo, ademais, cunha temática pensada para os máis cativos. A primeira edición das Pre-badaladas de Moaña celebrarase o luns, 31 de decembro, entre as 11:00 e as 13:00 horas na Praza do Concello.

A cita, coa que “a rapazada pode desfrutar do ambiente festivo do fin de ano a horas prudentes”, segundo explican dende o Concello, contará con diferentes actividades de animación e musicais. Porén, o gran momento chegará cando se dean as 12:00 do mediodía. Será entón cando as uvas se substitúan polos doce cheetos da sorte, que serán repartidos polo Concello en colaboración coa asociación da Illa dos Ratos.

Estas particulares pre-badaladas pecharán o ano, pero ao longo desta semana haberá unha ampla oferta de actividades pensadas para os máis pequenos. Este mesmo sábado, 22 de decembro, os Rechouchíos chegarán á Praza do Concello co espectáculo infantil de Os Tres TENeDores e o seu “Cocido exprés” (18:00 horas). Este programa de actividades de lecer en galego repetirá o venres, 28 de decembro con Charo Pita “No País do Vento” (18:00 horas – Praza do Concello).

Este domingo, 23 de decembro, o alto da Praza de Abastos converterase nun espazo de ocio para os rapaces e rapazas con obradoiros de Nadal e diferentes xogos (17:00 a 18:30 horas).

Por último, o 24 de decembro, chegarán O Apalpador e Papá Noel. O primeiro fará parada en Moaña na súa viaxe dende O Courel. Este xigante que viste roupa remendada, unha característica boina, fuma pipa e ten unha rechamante barba rubia, baixa da montaña no Nadal para visitar aos nenos e nenas galegas namentres dormen. No municipio do Morrazo estará ás 12:00 horas no parque infantil da Praza de Abastos.

Dende Laponia Papá Noel fará a súa recepción entre as 16:30 e 19:00 horas no alto da Praza de Abastos con actividades, xogos e até un photocall.

Salir de la versión móvil