Dentro do programa “Ocio en Familia”, o Concello de Mos organiza unha viaxe a estación de esquí a Letariegos (León) o 9, 10 e 11 de marzo. Con ela búscase impulsar a convivencia en familia.
Os destinatarios desta viaxe son os membros das unidades familiares do municipio de Mos con nenos e nenas que teñan idades comprendidas entre os 6 e 14 anos, ampliándose ao resto da poboación se quedasen prazas vacantes.
O prazo de inscrición abrirase mañá, martes 13 de febreiro, e rematará o día 5 de marzo. As familias interesadas en participar deberán presentar a súa solicitude no Rexistro do Concello neste período de tempo.
As prazas serán adxudicadas por orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello ata cubrir o límite total das 55 prazas, sendo necesario conseguir un mínimo de 35 participantes para poder realizarse, tendo prioridade as persoas empadroadas no Concello. A listaxe de admitidos publicarase o día 6 de marzo.
As modalidades de participación na actividades son: Modalidade A con curso esquí, aluguer de equipos, viaxe, pensión completa e seguro de accidentes; ten un prezo de 146 euros adulto e 100 euros neno/a.
Modalidade B con aloxamento en pensión completa, Forfait, material e seguro en Pistas; ten un prezo de 136 euros adulto e 90 euros neno/a.
Modalidade C con aloxamento en pensión completa, Forfait e seguro en pistas; ten un prezo de 112 euros adulto e 76 euros neno/a.
Modalidade D con aluguer de equipos, viaxe, pensión completa, seguro de accidentes, seguro en pistas e plus por material para snowboard; ten un prezo de 171 euros adulto e 125 euros neno/a.
Para todas as modalidades inclúese: aloxamento de fin de semana (dúas noites, de venres e sábado, e de sábado a domingo), pensión completa: dúas ceas (venres e sábado), dúas comidas (sábado e domingo), e dous almorzos (sábado e domingo), viaxe en autocar ata o destino e retorno, seguro de accidentes e seguro de viaxe, seguro de accidentes en pista, e dous días de remontes (Forfait) na estación de Leitariegos.