Carmela Silva presentou este xoves unha segunda iniciativa de igualdade, “propostas que están a permitir que a Deputación sexa a referencia a nivel galego, nacional e internacional”. Así, e no que respecta á “Maleta dos océanos”, impulsada coa Universidade de Vigo e dirixida aos centros de ensino da provincia, a presidenta subliñou a súa importancia porque “para cambiar o mundo hai que traballar en todos os eidos, sendo un dos imprescindibles a educación”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra explicou que o obxectivo principal deste proxecto, que inclúe seis propostas didácticas con temáticas adaptadas a todas as etapas educativas, é “poñer en valor o papel destacado das mulleres do mar, rachando coa invisibilidade á que están sometidas e dando a coñecer o importante papel que desenvolveron e están a desenvolver”. Neste eido, Silva reivindicou o papel maioritario das mulleres no mundo do mar e lamentou a súa escasa presenza na alta dirección do sector, onde ocupan o 20% dos postos.
Silva, que agradeceu o traballo de Mari Lires e o seu equipo da Universidade Alba Rego, María Lorenzo e Xabier Álvarez, presentes no encontro telemático, explicou que esta iniciativa é un paso máis dos proxectos “Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar” e “O mar das mulleres”, nos que traballaron conxuntamente a Deputación e a Universidade de Vigo. “De feito –destacou a presidenta- os materiais da “Maleta dos océanos” proveñen dese proxecto e dos recursos educativos abertos que presentamos o pasado ano e que estaban protagonizados por unha rapazada chamada Emma, que segue a ser o fío condutor desta nova iniciativa”.
Pola súa banda, Mari Lires, a coordinadora do proxecto, fixo fincapé na estreita relación da “Maleta dos Océanos” cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, ao ter relación coa educación de calidade, igualdade de xénero e a vida submarina. Tamén explicou as propostas didácticas, todas elas protagonizadas por Emma, e que levan por título “Planeta azul”, “Océanos en perigo”, “Mulleres redeiras, da salga e da conserva”, “O marisqueo a pe”, “Investigadoras mariñas” e “Educación para a sustentabilidade”. Amais, Lires aproveitou a ocasión para lembrar que o día 10 de novembro terá lugar online a sexta xornada sobre o “Bo uso e mal uso do mar” que, este ano, leva por título “Unha mirada á Axenda 2030 desde unha perspectiva de xénero: o mar das mulleres nas túas mans”.