O Concello de Nigrán dedicará o mes de abril á promoción da lectura entre os máis pequenos ao tempo que festexa o ‘Día do Libro’, que se conmemora o día 23.
Todos os sábados do mes, ás 12:00 horas na Praza do Concello, haberá unha sesión de contacontos para os cativos e, ao mesmo tempo, o Concello ofrece a posibilidade aos diferentes centros públicos do municipio de que acollan unha sesión de contacontos nas súas propias instalacións o luns de abril que o soliciten.
A maiores, o luns 23, Día Internacional do Libro, a Biblioteca Municipal realizará un contacontos ás 18:00 horas e pola mañá o Concello inaugurará oficialmente o mural que a artista Lula Goce pintou no CEIP Carlos Casares en homenaxe precisamente ao autor que dá o nome ao centro.
Pódeche interesar: Dez libros en galego para espertar a imaxinación dos cativos no Día Internacional do Libro Infantil
A programación complétase coa actividade ‘Fíos do Querer’ de Cé Orquestra Pantasma a tarde do venres 27 na Praza do Concello, que irá acompañada de un obradoiro de xogo libre con material natural non estruturado. ‘Fíos do querer’ é unha actividade para xogar, cantar e bailar cos nenos de colo, que gozarán de nanas de primeiras palabras, para arrolar, para dar bicos, facer palmiñas, virar, saltar…
O punto e final será o sábado 28 co contacontos a mediodía na Praza do Concello e pola tarde co obradoiro ‘pintando a música’ baseado no imaxinario de Hervé Tullet e dirixido a familias e nenos a partir de 5 anos. Tullet é recoñecido en Francia como o ‘Príncipe dos libros de Preescolar’.
Carla Muñoz, de ‘Donde Viven los cuentos’, foi a responsable de deseñar toda a programación dos contacontos dos sábados. Estes comezarán con Lohengrín a seguirán con Loreto Pertíñez, Miguel Ángel Alonso Diz e Matrácala. A maiores, a propia Carla Muñoz realizará o contacontos do día 23 na Biblioteca Municipal e os dos luns nos colexios.