O Apalpador arranca o seu tour por 45 concellos da provincia para recibir á cativada

O Apalpador, a figura lexendaria do Nadal galego, chegará aos concellos da provincia desde este luns día 20 con moitas novidades: nova vestimenta, monicreques, unha banda de música ampliada e agasallos de árbores autóctonas para as alcaldesas e alcaldes para que os planten nos espazos públicos. Así o explicou hoxe na súa visita á Deputación provincial, onde foi recibido pola presidenta Carmela Silva e a deputada de Lingua María Ortega, xunto ao seu acompañante acordeonista Servando Barreiro e o seu burro Río Lor.

O Apalpador explicou que este ano fará as súas actuacións e pasarrúas con nova roupa: estreará novos pantalóns de pana -feitos por un xastre de máis de 80 anos da provincia de Pontevedra-, chaleco, gorra e camisa, todo “moda galega”. Outra das novidades será que a súa comitiva incluirá dous monicreques que irán contando historias: a ‘Lobiña Coureliña’ feita en As Neves e ‘O señor Pandigueiro’, curmán do Apalpador, elaborado en Cangas do Morrazo.

Ademais, entregará a cada concello unha árbore autóctona para que sexa plantada nun monte ou algún espazo público que poidan gozar os nenos e nenas para coñecer máis a natureza propia galega. Na recepción institucional no Pazo Provincial, el mesmo agasallou hoxe á presidenta cunha sobreira, que ela escolleu pola súa relación co castelo do Sobroso, e cun loureiro á deputada María Ortega, quen explicou a súa elección por ser dun concello de costa e querer fomentar o consumo de produtos de mar.

O músico Servando Barreiro será o responsable da parte musical e “o encargado de animar as viaxes e os pasarrúas”.  Explicou que este ano ademais do seu acordeón haberá tamén unha saxofonista e un guitarrista que farán algunha peza nova ademais das cantigas propias do Apalpador . Lembrou que as actuacións buscarán fomentar o amor pola lingua galega e o coidado do medio ambiente, xa que “as mensaxes cantadas e tocadas reálzanse e chegan máis e a xente fica máis impresionada”.

A deputada de Lingua María Ortega, responsable do programa Nadal en Galego no que se enmarcan as actividades do Apalpador, explicou que este ano a Deputación fixo un esforzo para ampliar o máximo as visitas aos concellos, chegando a 45 municipios da provincia dende este luns día 20 ao 4 de xaneiro “con moitas sorpresas”. Salientou  que o proxecto está medrando cada ano co fin de achegar ás crianzas as tradicións do país para resaltar “os nosos valores propios e destacar a nosa forte identidade “.

Subliñou que as actuacións faranse en formato pasarrúas de maneira itinerante, evitando aglomeracións, para garantir a máxima seguridade para as persoas dada a situación de pandemia.

PROGRAMA VISITAS APALPADOR

Luns 20 de decembro

Martes 21 de decembro

Mércores 22 de decembro

Xoves 23 de decembro

Venres 24 de decembro

Sábado 25 de decembro

Domingo 26 de decembro

Luns 27 de decembro

Martes 28 de decembro

Mércores 29 de decembro

Xoves 30 de decembro

Venres 31 de decembro

Luns 3 de xaneiro

Martes 4 de xaneiro

 

Salir de la versión móvil