O Apalpador levará a ilusión do Nadal aos concellos da área metropolitana de Vigo

Publicidad

O Apalpador, a tradicional figura do Nadal galego, visitará este ano os concellos da área metropolitana de Vigo man da Deputación de Pontevedra grazas á octava edición do programa ‘Nadal en Galego’.

Na comarca de Vigo, o Apalpador visitou este martes Pazos de Borbén e estará en Mos o 2 de xaneiro (12:30 horas) e en O Porriño (17:00 horas). O día 3 de xaneiro visitará Fornelos de Montes ás 17:00 horas.

No Baixo Miño o Apalpador xa estivo este luns en Tui na Área Panorámica e volverá o día 31 de decembro ás 12:30 horas a Tomiño. No Val Miñor estará o 31 de decembro en Nigrán ás 11:00, en Oia ás 17:00 e en Gondomar ás 19:00 horas. Pola súa parte, o 2 de xaneiro visitará Salceda de Caselas (19:00 horas)

No Morrazo aparecerá o Día de Nadal ás 11:00 horas en Bueu, ás 12:30 en Cangas, ás 17:30 en Moaña e ás 19:30 en Marín. Por último, nos concellos do Condado chegará este 21 de decembro a Mondariz (17:00) e Mondariz Balneario (19:00). Despois, o 26 de decembro visitará ás 11:00 Arbo, ás 12:30 horas A Cañiza, ás 17:00 As Neves e pechará a xornada ás 19:00 en Salvaterra de Miño. O día 2 de xaneiro será cando estará en Ponteareas, ás 11:00 horas.

Como cada ano, a dinamización da lingua, o respecto ao medio ambiente e os hábitos de alimentación saudable, entre outros, serán os valores  que fomentará o Apalpador, xunto ao seu compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e o seu burro Río Lor, coas actuacións e os pasarrúas, levando a música, o baile e as anécdotas a todas as comarcas da provincia.

O programa ‘Nadal en Galego’ foi deseñado para fomentar o coñecemento da tradición de Nadal propia de Galicia e para que as e os máis novos poidan familiarizarse co mítica figura galega e coñecer a súa historia. Na orixe, 'O Apalpador' representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas para apalpar os bandullos das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas.

Salir de la versión móvil