O Concello adapta "No Nadal... Un Conto" ao formato Netflix

Espectáculo de "As parábolas de Pacolas" // P. Cerdeira

Publicidad

Tempos novos, propostas culturais novas. O Concello de Vigo reformula a iniciativa infantil “No Nadal... Un conto” para sortear a pandemia e ofrecer á cativada a mellor programación nestas datas tan sinaladas.

Abel Caballero avanzou na rolda de prensa deste luns que as actividades se emitirán este ano online, no canto do formato presencial habitual para manter unha proposta que busca achegar aos nenos e nenas os contos, concertos e contadas en lingua galega.

O rexedor vigués explicou que o Concello colgará todas as accións culturais na web municipal, no apartado de Servizo de Normalización Lingüística (premer aquí). A información estará dispoñible o vindeiro martes 22 de decembro para quen o desexe poida seguilas de forma telemática. Os espectáculos durarán entre 20 e 40 minutos e abarcarán distintos ámbitos, desde os concertos de creación propia ou unha actuación con baile guiado, ata contos con música ou en verso.

A falta dos detalles, que se coñecerán en próximos días, Caballero desvelou que o cartel desta edición virtual estará composto por un total de quince artistas: Pakolas, Pablo Díaz, Música Miúda, Cris de Caldas, Nanda, Barafunda, Esperanza Mara, Servando Barreiro, Miguel Anxo, Carme Domech, Yolanda Castaño, As Maimiñas, Bea Campos, Silvia Penas e Susana, e María Canosa.

Salir de la versión móvil