O espectáculo musical “Té, café, chocolate”, do grupo “Golfiños”, será o encargado de abrir unha nova edición do programa Apego en Redondela. Será o venres 28 de febreiro, ás 18:00 horas, no multiúsos da Xunqueira.
O Servizo de Normalización Lingüística de Redondela presentou o calendario de actividades que, ata o verán, se desenvolverán na nova etapa do programa Apego, unha iniciativa que busca a promoción da lingua galega nas idades máis novas e que mestura música infantil con obradoiros dirixidos a nais e pais ou talleres ilustrados e didácticos.
As actividades de Apego desenvolveranse todos os últimos venres de mes con entrada de balde. Tras “Té, café, chocolate” no último venres de febreiro, a seguinte cita será o 29 de marzo, tamén ás 18:00 horas, con “As parábolas” a cargo de Pakolas. Xa no mes de abril, o día 24, ás 16:30 horas, terá lugar un obradoiro de movemento libre e acompañamento.
Migallas Teatro ofrecerá o 29 de maio, ás 18:00 horas, un espectáculo titulado “Un berce cheo de contos” e, finalmente, o programa pecharase o 26 de xuño, ás 18:00 horas, co contacontos de Pablo Díaz.
Digna Rivas, alcaldesa de Redondela e concelleira de Normalización Lingüística, avanzou a intención do seu departamento de “achegar o programa Apego ás parroquias, de xeito que todos os veciños e veciñas, independentemente do seu lugar de residencia, poidan ter acceso a esta iniciativa de dinamización lingüística que promove o Concello”.