O festival infantil Canto Conto regresa este ano en versión reducida a Mos

Publicidad

Regresa a Mos o Festival Infantil Musicando no Canto Conto, organizado polas Maimiñas e Reviravolta Produccións, patrocinado polo Concello de Mos e a Xunta de Galicia, e coa colaboración da Fundación Pazo de Mos. A cita celebrarase o domingo 30 de maio no Pazo de Mos e contará coa actuación matutina, ás 12:30 horas, de As Maimiñas e, pola tarde, concerto de Xoan Curiel a partir das 19.00 horas xunto a actuación do grupo Animar-T.

A asistencia  é totalmente de balde pero require de inscrición previa para poder garantir todos os protocolos e medidas anti COVID-19. Os interesados en apuntarse poden facelo escribindo un correo electrónico ao enderezo as.maiminas@gmail.com no que indiquen nome, apelidos e número de teléfono móbil, así como o concerto e/ou concertos aos que se quere asistir e o número de asistentes. Para finalizar o procedemento os inscritos recibirán no seu correo electrónico a pertinente invitación para poder acceder ao evento.

Tanto Maimiñas como a rexedora local, Nidia Arévalo, declaráronse esta mañá “moi contentas e satisfeitas de retomar un ano máis o Musicando Canto Conto, tras non poder celebrarse o ano pasado por mor da crise sanitaria”. Un festival que definiron como “xa moi consolidado no Concello de Mos e unha alternativa cultural e de ocio ideal para as familias”. Así mesmo destacaron “a importancia de retomar a cultura segura nestes tempos de nova normalidade e de saber adaptar o ocio e a música ás novas circunstancias para garantir a tranquilidade e disfrute de público e artistas”.

Salir de la versión móvil