O FICBueu presenta a programación para o público familiar

Publicidad

A nova edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu programa baixo o título Mini-FIC unha completa axenda de actividades para nenas e nenos que inclúe desde curtas e contacontos ata música en directo e humor. Será principalmente na derradeira xornada do FICBUEU, o sábado 14 de setembro, na que tamén se organizará, entre outras, a Gala de Clausura do certame. Entre o mércores 11 e o venres 13, durante toda a mañá, celebraranse ademais no Centro Social do Mar as Sesións Miúdas, ás que asistirán máis de 1.500 estudantes de nove centros de ensino da comarca do Morrazo.

O Mini-FIC dará comezo o día 14 ás 11:00 horas coa Gala Escolas Galegas, conducida pola actriz e narradora Beatriz Campos, co patrocinio da editorial Kalandraka. No transcurso do evento entregaranse os premios ás mellores curtas dos distintos niveis educativos, desde infantil ata a universidade, e proxectaranse as gañadoras de cada unha das tres categorías. Ás 12:30 horas desenvolverase o obradoiro ‘O cine soa ben’ da man de Caspervek Trio, que porá de relevo o importante papel que cumpre a música no cinema, complementando e realzando os contidos visuais. O grupo retará ao público familiar a identificar diferentes filmes pola súa banda sonora e mesmo viaxará ata os inicios da sétima arte para descubrir as proxeccións de películas mudas con música en directo. Ambas as dúas actividades terán lugar no Centro Social do Mar con acceso gratuíto, pero dados os límites de aforo será preciso retirar unha invitación o mesmo día no despacho de billetes.

Xa pola tarde, ás actividades trasladaranse ao Punto de Encontro, situado na Sala de Exposicións ‘Amalia Domínguez’, onde ás 17:00 horas comezará a sesión Contos e Cinema, que fusiona as historias narradas por Olalla González e as ilustracións en tempo real a cargo de Marc Taeger. Por último, ás 18:00 horas, nos exteriores do Centro Social do Mar celebrarase o concerto PunkInfantil de Peter Punk e Brais das Hortas, un rockeiro e un cantante infantil que se verán na obriga de compartir escenario, polo que a diversión está asegurada. Todas as actividades do Mini-FIC son de balde.

Salir de la versión móvil