O Miúdo Fest crece a dúas xornadas con rock, teatro e circo infantil

Publicidad

Unha das mellores citas para o público familiar da área metropolitana de Vigo chega esta fin de semana a Mos. Este festival, enfocado para “persoas de mediana estatura”, traerá á escena algunhas das representacións e grupos máis importantes da música infantil galega, dende o espírito do Xabarín até espectáculos circenses innovadores.

O “Miúdo Fest”, que celebra a súa terceira edición, celebrarase no Centro Cultural As Pedriñas de Tameiga entre o sábado e o domingo.

O espírito máis Xabarín chegará da man de Chuches Amil e seu pop e rock & roll infantil para rir, cantar e soñar. O festival arrancará o sábado, ás 17:00 horas, con esta proposta de Fran Amil, músico, compositor e productor que dende os anos 90 pasou por algún dos grupos máis destacados do movemento Bravú (Os Papaqueixos, Ruxe-Ruxe ou Diplomáticos de Monte Alto).

A “Radio Bule Bule” de Paco Nogueiras tomará a testemuña cos seus ritmos modernos, pegadizos e bailables. As cancións dispóñense ao xeito da grella de programación dunha peculiar emisora na que non faltan sintonía de entrada, axenda cultural, magazine de variedades, faladoiro, noticias, información deportiva e ata previsión meteorolóxica.

Intercalados entre os doce temas tamén están presentes as transicións, os indicativos, os sinais horarios e outros elementos sonoros propios do medio radiofónico, co que o Paco Nogueiras destaca o papel da comunicación como canle de expresión e coñecemento, intercambio de opinións, nexo entre culturas e exemplo de avance tecnolóxico.

O festival mosense para xente miúda tamén contará co espectáculo de Aire, de María Fumaça. Dirixido por Uxía Senlle, naceu como extensión do disco que leva o mesmo nome. Un proxecto musical de “celebración da vida” que visibiliza a diversidade das persoas en cadeira de rodas, con autismo ou con Síndrome de Down. Unha obra transformadora na que todos se poden subir á locomotora de María Fumaça.

https://www.youtube.com/watch?v=lSPJaobvvho

Aínda que a compañía de Mos pechará os espectáculos do sábado, o Miúdo Fest non rematará aí. O domingo, o teatro circense de Asacocirco será o encargado de poñer o broche final.
O espectáculo chegará cunha aposta diferente no panorama circense, cheo de estímulos, unha linguaxe simple e outro sentido do ritmo e do tempo. A escenografía mestura a natureza con vivas cores.

Cales son os prezos?

As entradas poden adquirirse de xeito individual para cada xornada ou un bono para todo o festival. De xeito anticipado, o custe de acceso é de 6€ o sábado e 4€ o domingo, namentres que o bono sitúase nos 8€. En billeteira os prezos será de 8€, 5€ e 12€, respectivamente.

Cales son os horarios?

Sábado, 15 de setembro: 17:00 horas – Chuches Amil; 18:30 horas – Radio Bule Bile; 20:00 horas – María Fumaça.

Domingo, 16 de setembro: 12:00 horas – BB Circus.

MÁS OCIO EN VIGO Y SU ÁREA
Ir a la agenda completa >>> [stachethemes_ec view=agenda show_top=0 agenda_cal_display=0]
Salir de la versión móvil