Fecimo, a Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo, continúa coa organización da sétima edición da pasarela Amodiña, dando paso á elección dos modelos infantís que participarán lucindo as prendas do comercio local.
Este ano, a federación precisa de entre 32 e 35 cativos, cifra que será determinada con exactitude nos vindeiros días. Estas nenas e nenos de idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, coma en tódalas edicións, serán os protagonistas para os pases de moda infantil. Para poder escollelos, FECIMO celebrará como cada ano un casting o vindeiro día 10 de Abril na planta superior da Praza de Abastos de Moaña, ás 17:00h.
Os nenos e nenas participantes terán que “amosar o seu estilo para desfilar baixo a atenta mirada do xurado”, composto por membros da axencia contratada para a coordinación dos modelos. Seranlle sacadas fotografías durante a proba, na que se valorará que os pequenos se desenvolvan diante do público “de xeito desenfadado”.
A inscrición previa é obrigatoria e está aberta dende mañá martes, 3 de abril, ata o luns, 9 de abril, ou ata que se cubran as primeiras 130 inscricións. Poderanse realizarse a través do formulario que se atopa na web www.fecimo.es indicando os datos precisos.
O gran evento de moda do Morrazo celebrarase o 21 de abril ás 21:00h no Palco da Música situado no Paseo Marítimo de Moaña.