Desde as once da mañá, con todos os espazos abertos e en funcionamento, Culturgal 2021 acolleu o sábado 27 de novembro unha programación para todos os gustos e idades. Centos e centos de persoas pasaron polo Pazo da Cultura de Pontevedra nunha xornada que remitíu, sen dúbida, ás edicións prepandemia da feira. Houbo unha gran presenza do mundo do libro con presentación de novos proxectos editoriais como Rodolfo e Priscila. Editora Indecisa da man dos autores Carlos Meixide e Berta Dávila e as conversas de autoras e autores que presentaron os seus últimos títulos ao público: Arantza Portabales, Ledicia Costas, Manuel Rivas, Diego Ameixeiras, Xosé María Álvarez Cáccamo ou o Colectivo Rompente. Ademais, banda deseñada cos últimos premios Castelao da Deputación da Coruña e os novos proxectos do historietistas e ilustrador de Pontevedra, Kiko da Silva.
As institucións patrocinadoras da Culturgal tamén aproveitaron o espazo feiral para dar a coñecer as súas propostas. É o caso da Xunta de Galicia que, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, presentou o bono cultura e tamén avanzou as liñas de traballo que desde a administración autonómica se poñerán en marcha en 2022. Da man da Xunta tamén foron protagonistas os videoxogos, un sector que está a vivir un momento de crecemento, e que estivo representada na xornada do sábado con varios proxectos no “forno”: Intruder in Antiquonia, de Aruma Studios, The Waylanders, de Gato Studio, Super Woden GP, de Víctor Justo e, Rai, de Wood Games (UDC).
Na tarde, a sala de cinema tamén estivo ben concorrida coa proxección e coloquio de dous documentais: Negro Púrpura, de Illa Bufardam e Beiras Vivir2veces, de Produtora Ollovivo, que contou coa presenza de Xosé Manuel Beiras. Desde a mañá á tarde, o Auditorio acolleu cinco concertos, incluíndo a presentación do disco “Calma”, o primeiro en solitario do clarinetista Fernando Abreu coa colaboración do pianista Alberto Vilas.
Pero se houbo un espazo que rebordou público con centos de persoas durante todo o día, ese foi o infantil. Culturgal 2021 é un espazo de referencia para a programación familiar, que na xornada do sábado contou con contacontos da man de Triqueta Verde , Fundación Uxío Novoneyra e a cooperativa Charlatana. As propostas musicais para os máis cativos viñeron da man de Barafunda e da nova proposta de A Reixa Producións ao redor da música dos Beatles. A xornada do sábado 27 rematou en Culturgal cunha proposta máis “adulta”, a que trouxeron Funboa Escénica ao hall do Pazo da Cultura con Technocracia, inspirándose nas festas techno ou “raves” para desenvolver unha experiencia afectiva e sensorial como un acto de insistencia e resistencia en comunidade.
Emisións Culturgal TV
O sábado 27 tamén comezaron as emisións de Culturgal TV, conduicida pola actriz Iria Sobrado. Unha selección de presentacións, entrevistas e showcases configuran un magacine con cabida tamén para conversas con protagonistas da feira, estreas audiovisuais e spots promocionais do sector cultural.
A Culturgal TV pode seguirse a través da web oficial (premer aquí) e da canle youtube da Feira, pero tamén na web da TVG e na canle youtube de Nós Televisión. Culturgal TV quere traer á Culturgal os públicos que sempre se botaron en falta pola súa presenza testemuñal na feira; é o caso das comarcas galegas do interior e, de maneira destacada, da comunidade galega no exterior. Culturgal TV será a canle do evento. Unha televisión cultural de fin de semana que permitirá coñecer, dende a casa, as propostas de cine, música, danza, literatura, teatro, etc.