Os arenais da Guarda acollen esta semana dous obradoiros para nenos e nenas enfocados na concienciación medioambiental e no contacto coa natureza a través dos xogos tradicionais.
O primeiro deles terá lugar este xoves, 31 de agosto, e permitirá aos cativos identificar residuos e aprender da necesidade de coidar da nosa contorna natural. Unha actividade que arrancará ás 16:00 horas na Praia de Area Grande e que, a través dun sinxelo xogo, axudará aos nenos a entender como funciona a reciclaxe.
Por outra parte, o venres, 1 de setembro, celebrarase un obradoiro de cometas. A cita, que tivo que ser reprogramada por mor das malas condicións meteorolóxicas, terá lugar na praia do Muíño ás 16:00 horas, onde os cativos aprenderán a elaborar unha cometa con materiais reciclados.
Estas actividades non precisan de inscrición previa, de xeito que as nenas e nenos interesados en participar soamente deberán achegarse ás praias.
Como complemento a estas dúas xornadas de sensibilización medioambiental, exporanse carteis e folletos informativos de concienciación medioambiental, amais de información sobre o sendeiro azul que une as duas praias guardesa de bandeira azul.