Os cidadáns do futuro buscan o pasado en Redondela

Publicidad

O Concello de Redondela organiza para este mes de agosto dous obradoiros de arqueoloxía nas praias de Cesantes e Arealonga. O obxectivo deste obradoiros e o de amosar aos rapaces, dunha maneira lúdica, o proceso científico de escavación arqueolóxica e facelo ademais cun tema moi vencellado a historia redondelá como é a Batalla de Rande.

Con estas tarefas procurarase que os participantes coñezan e valoren a súa historia, entendéndoa coma un patrimonio a protexer, gozar e do que aprender. Os rapaces realizarán esta escavación arqueolóxica tendo en conta todo o proceso científico dunha intervención destas características, fomentando o traballo en equipo, mellorando a súa relación co medio e coa historia, así como potenciando as súas capacidades cognitivas.

Cando comezarán os obradoiros?

As actividades de arqueoloxía Terán lugar o martes, 8 de agosto, en Arealonga e o xoves, 10 de agosto, en Cesantes. Os rapaces soamente deben anotarse na actividade, que ten unha duración de dúas horas, e non Terán que levar ningún tipo de material, xa que será proporcionado pola organización.

Como anotarse?

Os obradoiros están destinados a rapaces de entre 6 e 12 anos, e as prazas son limitadas. Realizaranse a partir das 11:00 horas da mañá e será necesaria a inscrición previa no teléfono 986 400 300, Departamento de Medioambiente, de luns a venres, en horario de 9,00 a 14,00 horas ou no enderezo electrónico: medioambiente@redondela.gal

Salir de la versión móvil