A Xunta de Galicia continúa coa campaña de promoción da candidatura das Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas a Patrimonio Mundial da Unesco –toda vez que o Concello de Vigo conta coa súa propia campaña soamente para as Cíes-. Así, esta mañá, coincidindo coa celebración do día do libro, o goberno autonómico impulsou a candidatura entre a rapazada cunha actividade no Parque Natural das Cíes cos máis pequenos da man dos Bolechas.
Máis dun cento de alumnos de centros de ensino de Bueu, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vigo participaron nunha xornada lúdica nas Illas Cíes, con actividades relacionados co deporte e o medio ambiente. Ademais de coñecer a nova guía “Os Bolechas van ás Illas Atlánticas”, os nenos convertéronse en exploradores por un día, con actividades, xogos, e retos que lles permiten coñecer máis de preto a riqueza da flora e fauna que alberga este arquipélago que -xunto con Ons, Sálvora e Cortegada- forma parte do Parque Nacional Illas Atlánticas.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, desprazouse á illa para compartir esta xornada cun triplo motivo que é a celebración do Día do Libro, a promoción da candidatura a Patrimonio da Humanidade e a celebración do Ano europeo do Patrimonio Cultural que este mesmo mes de abril a Xunta dedica precisamente a este Parque Nacional.
Román Rodríguez subliñou a importancia de actividades coma esta para fomentar entre os máis novos o coñecemento da riqueza cultural, paisaxística e medioambiental que os rodea; e a necesidade de coidala e preservala para as xeracións vindeiras. En palabras do conselleiro, “é fundamental a implicación do conxunto da sociedade, pero moi especialmente das novas xeracións, na defensa e revitalización dos tesouros que herdamos dos nosos antepasados, sexan paisaxe, medio natural, arquitectura, festas, ou a propia lingua”.
Patrimonio Mundial da UNESCO
O responsable de Cultura do Goberno galego fixo fincapé tamén no traballo serio e rigoroso que se está levando a cabo desde a Xunta de Galicia en colaboración con outras institucións para acadar que a candidatura Illas Cíes-Parque Nacional Illas Atlánticas sexa declarada Patrimonio Mundial. Lembrou que, coa inclusión da candidatura o pasado febreiro na lista indicativa da UNESCO, deuse un paso fundamental para avanzar neste recoñecemento xa que se trata dun requisito indispensable para que se faga realidade.
Xunta e goberno municipal manteñen una tensa polémica en torno a candidatura á Unesco. Namentres que o executivo autonómico promove a declaración de patrimonio da humanidade para o conxunto do Parque Nacional das Illas Atlánticas, o goberno de Abel Caballero conta coa súa propia iniciativa coas Illas Cíes en exclusiva.