Os Bolechas levan o seu espectáculo “Somos unha gran familia” a Tui

Publicidad

Os Bolechas, os populares personaxes creados por Pepe Carreiro, estarán este sábado 13 de xullo, ás 12:00 horas na Sala Félix Rodríguez da Área Panorámica con “Somos unha gran familia”. Trátase dunha actividade participativa dirixida a nenas e nenos de máis de 3 anos e as súas familias. A proposta chega dentro do programa FalaRedes que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, coa coordinación da Biblioteca Pública Municipal de Tui.

Da man de Sonia, Pili, Loli, Carlos, Braulio e Tatá e o seu can Chispa, os asistentes coñecerán o léxico referido ás relacións de parentesco e descubrirán a importancia da familia a través do teatro e do xogo. De xeito transversal, tocarán temas como o traballo en equipo, a colaboración, o fomento de prácticas saudables e, por suposto, habilidades lingüísticas en galego, de forma que o idioma sexa o eixo a través do que se configura todo o universo de diversión que levan aparelladas as iniciativas dos Bolechas.

A actividade ten unha duración aproximada de 50 minutos e é de balde.

Salir de la versión móvil