Os Bolechas visitan Mos e Bueu esta fin de semana

Publicidad

Tal e como adiantara Metropolitano.gal, os recoñecidos personaxes infantís de Os Bolechas visitarán Mos e Bueu esta fin de semana. A xira dos seis irmáns, que percorre 21 concellos de Galicia, forma parte campaña de normalización lingüística da Xunta de Galicia para promover o uso da lingua galega e animar á rapazada á “participar, socializar e desenvolverse en galego en todos os ámbitos da vida”.

En concreto, a familia de monicreques máis popular de Galicia achegarase primeiro a Mos, onde actuarán o domingo, 29 de outubro, no Multiusos das Pozas ás 12:30 horas. Xa á tardiña viaxarán cara Bueu para animar aos cativos a partires das 18:00 horas no Centro Social do Mar.

En Bueu, as portas da billeteira abriranse ás 16.30 horas e vaise priorizar a entrada da rapazada, para a que se dirixe o espectáculo. Por iso, segundo a concelleira de Normalización Lingüística, Silvia Carballo, “limitaranse as entradas para adultos, dado que é un espectáculo con moita demanda e 250 butacas de aforo”. En ambos dous concellos a entrada é totalmente de balde.

O argumento do espectáculo, moi centrado no Camiño de Santiago, conta as peripecias de Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo a ruta e paran na pousada de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces de 4 a 10 anos. Cultura, xeografía, gastronomía, tradicións... todo terá cabida nesta divertida iniciativa para que os nenos e nenas aprendan e se divirtan en galego, a lingua que sempre falan Os Bolechas.

Salir de la versión móvil