Os Bolechas visitarán Mos e Bueu en outubro

Publicidad

A familia máis popular do mundo infantil en Galicia visitará dous concellos da área metropolitana de Vigo este outono. Mos e Bueu recibirán a visita de Carlos, Loli e Pili, Braulio, Sonia e o pequeno Tatá en outubro ao abeiro do programa FalaRedes.

A xira dos seis irmáns, que percorrerá 21 concellos de Galicia, forma parte campaña de normalización lingüística da Xunta de Galicia para promover o uso da lingua galega e animar á rapazada á “participar, socializar e desenvolverse en galego en todos os ámbitos da vida”.

A actividade, destinada a nenos e nenas de entre catro e dez anos, xirará en torno ao Camiño de Santiago. Tatá, Sonia, Braulio, Loli, Pili e Carlos están facendo o Camiño e paran na pensión de Eustaquio acompañados do seu can Chispa. Eustaquio acepta darlles aloxamento a cambio de que xoguen con el a un peculiar xogo da oca que os obrigará a superar, coa axuda e participación do público, diferentes probas de habilidade física e de coñecementos culturais sobre Galicia adaptados a rapaces.

En concreto, visitarán tanto Mos coma Bueu o domingo, 29 de outubro. No caso do concello da Louriña será ás 12:30 horas no auditorio do Multiusos das Pozas namentres que en Bueu estarán ás 18:00 horas no Centro Social do Mar. A actividade é gratuíta até completar o aforamento. 

O espectáculo pasará tamén por Moraña, Sober, Castrelo de Miño, Barro, Caldas de Reis, Castro Caldelas, Triacastela, Quiroga, Rianxo, Pazos de Borbén, A Bola, Frades, Padrón, Negreira, Santa Comba, Arteixo, Zas, Ordes e Xove.

FalaRedes 2017

A sexta edición do programa de dinamización lingüística 'FalaRedes' mantén os obxectivos das anteriores de ofrecer propostas de lecer de calidade en galego para todas as idades e de promover, con elas, o uso e mais a valoración positiva da lingua propia de Galicia.

Os Bolechas, un auténtico fenómeno en Galicia que naceu en 2000 da man do debuxante Pepe Carreiro, participan por cuarta vez no programa tras 'Os Bolechas na máquina do tempo' , 'Os Bolechas e o sabichón' e mais ‘Os Bolechas van ás Olimpíadas’.

Salir de la versión móvil