Os Bolechas visitarán Nigrán cun espectáculo e o agasallo dun libro a cada familia

Publicidad

A nova obra de monicreques ‘Os Bolechas en Familia visitan unha galería de arte’ chega a Nigrán este sábado 18 de novembro ás 12:00 horas no Auditorio Municipal. A entrada é de balde ata completar o aforo e o Concello agasallará a cada familia co libro ‘Que ben nos tratan en Nigrán!’, un conto protagonizado por estes populares personaxes de Pepe Carreiro editado polo Concello de Nigrán co obxectivo de "educar en igualdade". O espectáculo está orientado a un público cativo de entre 5 a 12 anos.

Neste teatro de monicreques, os irmáns visitan unha galería na que coñecen a un pintoresco artista e os seus cadros abstractos e surrealistas, mais non acaban de entender este tipo de arte e prefiren pintar cadros máis figurativos e realistas. Despois de darlle moitas voltas, e coa axuda do público, deciden debuxar aos seus antepasados.

Deste xeito, a obra pretende fomentar o interese pola arte e polo coñecemento da familia e os nosos devanceiros, sen perder a diversión dos nenos e nenas. Os Bolechas son referentes na promoción e uso do idioma galego, polo que é unha perfecta alternativa de ocio en galego, que tamén motiva o coñecemento dos nenos e nenas, ao mesmo tempo que se reforza a arte como un elemento potenciador do noso patrimonio e de lembranza e honra dos antepasados.

Salir de la versión móvil