A compañía Teatro dos Ghazafelhos estará coa obra Rubicundo do luns 13 de novembro ao 17 de novembro no Auditorio do Centro Cultural Afundación de Vigo con dous pases diarios adicados para escolares de Vigo e da súa comarca. O horario das sesión é ás 10:00 e ás 12:00 da mañá.
Esta peza teatral trátase dunha adaptación de Pepablo Patiño do conto Rubicundo de María Canosa, finalista no premio da XXIX edición do Merlín de literatura infantil 2014.
Rubicundo é unha obra de teatro actoral onde tres personaxes interactuan con obxectos, monicreques, bailan e cantan en directo. Coa fermosa historia de María Canosa de fondo, Teatro Ghazafelhos propón unha posta en escena chea de sorpresas pasando pola música, os monicreques, acrobacia ou claqué. É unha mestura de xéneros na que Ghazafelhos soe propor para sorprender a un público familiar e facer difícil de esquecer esta máxica historia.
Teatros dos Ghazafelhos é unha compañía nacida en Narón no ano 2006. Inicianse con pequenas obras de títeres, contacontos e teatro de rúa, e especialízanse en teatro actoral, consolidándose en pouco tempo como unha das compañías galegas de referencia para público familiar. O colectivo compóñeno Montse Piñón, Pepablo Patinho e Jorge Casas.