A Concellería de Ensino, que dirixe Cristina Fernández, presenta a terceira edición de “Brincamos!!”, unha actividade que rende homenaxe aos xogos populares e tradicionais e que brinda a oportunidade de participar a toda a familia.
A praza de Bugallal será este venres día 4 escenario e testemuña da transmisión de regras de xogos de maiores a cativos. Brincamos!! ofrece a oportunidade de que sexan os adultos os que ensinen ás nenas e nenos xogos de hai décadas como o do aro.
En colaboración cos centros educativos e alumnado que participa guiando o xogo dos máis pequenos a Concellería de Ensino do Concello de Ponteaeras quere por en valor e recuperar para os cativos da vila xogos como a chave, o aro, a comba, os trompos, os trespés, a búsqueda do tesouro, as carreiras de sacos, a mariquitilla…
“Son xogos para tódalas idades nos que tamén poden participar os nosos maiores ensinándolles ou explicándolles as regras de xogo. Os xogos tradicionais e populares normalmente son dinámicos e de habilidade que obrigan aos nenos a estar activos e traballar a coordinación, e por unhas horas facemos que esquezan as súas preferencias pola tecnoloxía”, explica Cristina Fernández. Algúns destes xogos que estaban esquecidos para moitos volven agora á actualidade.
“É importante que non se perda o uso dos xogos populares e tradicionais, amáis de recuperar a rúa para o xogo das nenas, nenos e xuventude, obxectivo que tamén contempla a estratexia “Ponteareas, hábitat saudable”.
Brincamos ademais, revaloriza os usos da vía pública, recuperando ese espazo non so para estes xogos se non tamén para todas as familias que se achegan e descubren un ámbito máis amable e de lecer.
Cristina Fernández agradece ao profesorado e alumnado implicado a súa colaboración na recuperación deste patrimonio común a todas as xeracións